[24-02-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura e Normalización Lingüística, organiza para o vindeiro domingo, 8 de marzo, unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, que se atopa en Padrón. Esta actividade enmárcase dentro da programación que preparou o Concello para conmemorar o Día de Rosalía. As persoas interesadas en participar nesta visita deberán formalizar a inscrición ata o vindeiro 5 de marzo. Ofértanse un total de 55 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.
Os veciños e veciñas amesás poderán coñecer máis polo miúdo a vida e obra de Rosalía de Castro a través da visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, que organizou o Concello de Ames para o próximo domingo 8 de marzo. Para iso, porase á disposición da veciñanza amesá un autobús que saíra as 11:00 horas da Casa da Cultura do Milladoiro, e a continuación, ás 11:15 horas, pasará pola praza do Concello de Bertamiráns, para recoller a todas as persoas que se inscriban nesta visita.
Os participantes irán en autobús ata a Casa Museo de Rosalía de Castro que se atopa en Padrón. Unha vez alí, os veciños e veciñas que participen nesta actividade recibirán unha explicación sobre a vida e a obra da escritora galega. Está previsto que a visita remate ás 14:00 horas. Cada participante terá que pagar a súa entrada para visitar a Casa Museo, que ten un custo de 1,20 euros. O custo do autobús corre a cargo do Concello de Ames.
Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta visita poderán inscribirse ata o 5 de marzo chamando ao número de teléfono 981 535 940 do departamento de Cultura do Milladoiro ou ao número de teléfono 981 884 991 do departamento municipal de Normalización Lingüística, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Hai dispoñibles 55 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que estean empadroadas no Concello de Ames.