Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha excursión á Casa Museo de Rosalía de Castro para este sábado 4 de marzo

Luns, 27 de febreiro de 2017

[27-02-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza para este sábado, 4 de marzo, unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro, que se atopa en Padrón. Esta actividade enmárcase dentro da programación que preparou o Concello para conmemorar o Día de Rosalía. As persoas interesadas en participar nesta visita deberán formalizar a inscrición ata o vindeiro 2 de marzo. Pódese reservar praza chamando enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Enviarase un correo electrónico de resposta coa confirmación da praza solicitada. O prezo da excursión é de 1,5 euros, a tarifa de entrada á Casa-Museo de Rosalía. Para está actividade ofértanse 55 prazas, que se irán cubrindo por orde de inscrición.

A programación que organizou o Concello de Ames para conmemorar o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro concluirá cunha excursión en autobús, con saída o sábado 4 de marzo, ás 10:00 do Milladoiro e ás 10:15 de Bertamiráns, e que fará parada por algunhas das localizacións da contorna nas que se atopan edificios ou lugares pertencentes á chamada Ruta Rosaliana.

A primeira destas paradas atópase en territorio amesán. Trátase da casa onde Rosalía de Castro pasou os primeiros anos da súa vida, situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño. A visita continuará por Bastavales, parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizan un dos versos mais soados da autora. O autobús porase entón en marcha cara ao concello de Padrón, onde os excursionistas se apearán para facer unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, a coñecida como "Casa da Matanza".

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explica que a excursión empregarase tamén para "aproveitar e conectar a obra de Rosalía cos distintos lugares que compoñen a visita, lendo tamén algúns dos seus textos e aprendendo máis sobre a súa obra e o seu pensamento".

O prazo de inscrición para participar na excursión finaliza o día 2 de marzo. Pódese reservar praza chamando enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Enviarase un correo electrónico de resposta coa confirmación da praza solicitada. O prezo da excursión é de 1,5 euros, a tarifa de entrada á Casa-Museo de Rosalía.