[03-06-2013] O Concello de Ames organiza unha andaina solidaria que se desenvolverá o vindeiro domingo 9 de xuño. O obxectivo desta iniciativa é recadar produtos de hixiene e alimentación para bebés. Esta andaina desenvolverase polo Camiño Real de Santiago a Fisterra ao seu paso polo termo municipal de Ames. A saída realizarase ás 11:00 horas dende o Mesón Alto do Vento. Pasarase polos lugares de Pousada e Carballo, entre outros, rematando en Ponte Maceira arredor das 13:30 horas. Percorreranse algo máis de 7 quilómetros en dúas horas e media de andaina. Para inscribirse nesta actividade poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 ou a través do correo electrónico medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.
A Concellaría de Medio Ambiente, en colaboración con outros departamentos municipais, organizaron unha andaina solidaria que se desenvolverá o próximo domingo, 9 de xuño, polo Camiño Real de Santiago a Fisterra ao seu paso polo concello de Ames. A través desta iniciativa preténdese recadar produtos de hixiene e alimentación para bebés (cueiros, leite de continuación, cereais, potitos, cremas, xabóns, toalliñas, etc.). Todos os produtos que se recaden serán cedidos a Cáritas, para que os distribúan entre as familias máis necesitadas do concello.
Esta previsto que a saída se realice dende o Mesón Alto do Vento, ás 11:00 horas. No punto de saída haberá un posto para recadar todos os produtos que acheguen as persoas que participen nesta andaina. O Camiño Real de Santiago a Fisterra é o camiño de finalización da peregrinación xacobea, o único que ten en Santiago o seu punto de arranque e non o seu final. A primeira etapa do Camiño Real na procura das terras de Fisterra desenvólvese por terras de Ames.
O Camiño entra en Ames polo Alto do Vento e discorre por Ventosa e Lombao para logo descender ata Augapesada. A continuación o Camiño pasa por diferentes localidades amienses como Carballo, Trasmonte, Burgueiros ata chegar ao núcleo histórico de Ponte Maceira. Nesta localidade rematará a andaina arredor das 13:30 horas. Os camiñantes percorrerán algo máis de 7 quilómetros cunha dificultade baixa. Ao remate da andaina haberá musica a cargo do grupo Os Castros, para festexar a chegada a Ponte Maceira dos camiñantes e para celebrar a solidariedade dos participantes nesta iniciativa.
Todas as persoas que desexen participar na andaina solidaria terán que inscribirse antes do venres 7 de xuño, ás 14:00 horas. Para inscribirse nesta actividade teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 660 004 665. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo medioambiente@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 662 377 544.




