Pestanas principais

O Concello de Ames organiza unha andaina pola ruta do río Tambre para este sábado 28 de maio

Martes, 24 de maio de 2016

[24-05-2016] Esta fin de semana continúan as actividades programadas pola Aula da Natureza para os meses de primavera. Neste caso organizouse unha andaina pola ruta do río Tambre para este sábado 28 de maio. Ademais, o primeiro fin de semana do mes de xuño o Concello conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente cunha excursión aos Ancares. A programación de primavera remata o 11 de xuño cun obradoiro no que os participantes aprenderán a elaborar cremas de xeito artesanal. As inscricións para participar na andaina desta fin de semana pódese realizar chamando ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar na excursión os Ancares.

Para este sábado, 28 de maio, o departamento de Medio Ambiente organiza outra saída á natureza pola ruta do río Tambre. Nesta ocasión o destino será unha ruta que, saíndo de Tapia e cruzando carballeiras, chega ata o lugar de Oca, para despois retornar a Tapia bordeando a ribeira do río Tambre. O grupo fará a excursión acompañado por distintos especialistas en botánica, cogomelos, ornitoloxía, entomoloxía, etc. Un autobús recollerá ás persoas interesadas na Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:30 horas, facendo outra parada na praza do Concello de Bertamiráns ás 10:40 horas. A volta está programada en torno ás 14:00 horas.

Ademais, para celebrar o Día Internacional do Medio Ambiente organízase unha excursión aos Ancares, que está dirixida a toda a veciñanza amesá. Nesta actividade, que se desenvolverá os días 3, 4 e 5 de xuño, poden participar un máximo de 30 persoas. As prazas reservaranse por rigoroso orde de inscrición. Cos e coas excursionistas viaxará o xeólogo e profesor titular da USC Rogelio Pérez Moreiras.

Un autobús recollerá ás persoas participantes o venres 3 de xuño, primeiro na praza do Concello de Bertamiráns ás 17:45 horas, e a continuación, na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18:00 horas. Tanto o aloxamento no albergue de montaña Club Ancares como a manutención correrán a cargo das persoas participantes. O Concello de Ames tramitará as reservas do albergue e dos lugares das comidas. As tarifas e as características do albergue pódense consultar chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal

O sábado, 4 de xuño, comezará cunha charla-coloquio sobre a xeoloxía dos Ancares. O grupo de participantes fará unha saída a pé ao pico de Tres Bispos, percorrendo a campa de Ortigoso, a campa de Tres Bispos -na que se fará unha parada para o almorzo-, subirán ao pico de Tres Bispos e continuarán pasando pola campa de Brego, o bosque de Acivros e rematarán no camiño de Cabanavella. A merenda terá lugar no propio albergue. Tralo descanso da tarde farase un pase fotográfico sobre a xeoloxía dos lugares visitados antes da cea.

O domingo, 5 de xuño, un autobús levará ao grupo nunha ruta polo bosque de Cabaniños, Piornedo, Balouta -onde se fará unha parada para xantar-, Porto dos Ancares e Navia de Suarna. A volta a Ames realizarase en torno as 19:00 horas.

O último obradoiro desta programación de primavera terá tamén lugar na propia Aula da Natureza. Nesta ocasión o público xuvenil e adulto que acuda aprenderá a crear as súas propias cremas de xeito artesanal. O obradoiro desenvolverase entre as 16:30 e as 20:00 horas e hai 20 prazas dispoñibles.