Pestanas principais

O Concello de Ames organiza un programa de actividades con motivo da Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019

Luns, 19 de agosto de 2019

O Concello de Ames está preparando un programa específico de actividades para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019, que se celebrará do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Camiña e pedalea de maneira segura”. Haberá actividades reivindicativas e de seguridade viaria, charlas nos institutos do concello, un concurso de debuxo, marchas e andainas familiares, etc. Trátase de concienciar á veciñanza sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar á veciñanza sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.
 
Está iniciativa xurdiu en Europa en 1.999 e a partir do ano 2.000 contou co apoio da Comisión Europea. Celébrase cada ano, do 16 ao 22 de setembro, realizando actividades para promocionar a mobilidade sustentable e fomentando o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes. O 22 de setembro celébrase ademais o evento A cidade, sen o meu coche!, orixe desta iniciativa europea, que pretende atopar novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades.

O Concello de Ames acábase de rexistrar como participante desta semana na súa aposta polo impulso doutras formas de desprazamento e protección do medio ambiente. O programa que está preparando o Concello de Ames inclúe diferentes iniciativas como o Parking Day, unha actividade reivindicativa do espazo público. Trátase dunha actividade participativa que consiste en crear un xardín efémero por un día nunha praza de aparcamento. Farase no Milladoiro e en Bertamiráns.

Tamén se impartirán charlas nos IES do concello baixo o título: “Conducir sen riscos, seguridade para todos” e “Como actuar ante un accidente de tráfico”. Ademais, organizarase un concurso de debuxo para rapaces e rapazas de 3 a 6 anos có slogan: “Como te desprazas polo teu concello”.

Marcha ciclista nocturna
Por outra banda, durante a fin de semana haberá marchas ciclistas, actividades de seguridade viaria e andainas. Deste xeito, o venres 20, pola tarde, os/as membros da Agrupación de Protección Civil de Ames impartirán un obradoiro no que se simulará un accidente de bicicleta e se impartirán nocións de como facer unha inmobilización e de primeiros auxilios. Pola noite farase unha marcha ciclista nocturna por unha zona do rural.

O sábado, 21 de setembro, os/as axentes da Policía Local impartirán unha actividade de seguridade viaria denominada “Conduce seguro en bicicleta pola cidade”, que estará dirixida a rapaces e rapazas que teñan de 6 anos en diante. Os rapaces e rapazas que desexen participar terán que levar a súa bicicleta e mailo casco. Este obradoiro desenvolverase na rúa das Palmeiras, no Milladoiro. Para a tarde do sábado está prevista unha marcha familiar en patinete, patíns, skate ou camiñando, que se desenvolverá polo paseo fluvial de Bertamiráns e rematará na praza do Concello.

Por último, o domingo 22 de setembro, desenvolverase unha andaina pola senda, que une as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro a través da senda verde que conecta ambos núcleos. Os/as participantes terán que percorrer arredor de sete quilómetros nos que poderán gozar de paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso.

Construción de novas sendas peonís
Todas as actividades foron deseñadas pola Concellaría de Mobilidade, en colaboración coa Policía Local, Protección Civil e entidades deportivas de bicicleta. No deseño das actividades tamén participaron as Concellarías de Sanidade, Medio Ambiente e Deportes nunha actuación transversal.

Os desprazamentos a pé son unha prioridade para o goberno municipal que establece como un dos seus obxectivos a construción de varios quilómetros de sendas peonís no rural, así como a conexión da contorna dos núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro, tal e como xa se fixo con diferentes sendas que posibilitan os desprazamentos a pé ou bicicleta, como a de Lapido ou a senda de Agro do Muíño.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Ames prepárase para conmemorar en setembro a Semana de Europea da Mobilidade"

La Voz de Galicia: "Ames promociona la bici como sistema de transporte interno"

Alumnado do CEIP Agro do Muíño durante a Semana da Bicicleta