Pestanas principais

O Concello de Ames organiza un obradoiro sobre a elaboración de insecticidas, funxicidas naturais e biofertilizantes

Mércores, 08 de marzo de 2017

[08-03-2017] A Concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organiza para este sábado, 11 de marzo, un obradoiro de agricultura rexenerativa no que os participantes coñecerán máis polo miúdo o proceso de elaboración de insecticidas, funxicidas naturais e biofertilizantes. Trátase dunha actividade, que se imparte en horario de 10:30 a 13:30 horas, na que se impartirán coñecementos teóricos e prácticos. As persoas que queiran solicitar máis información ou inscribirse nesta actividade poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal

Traballar coa natureza, non en contra dela, será o principal obxectivo deste primeiro obradoiro de agricultura rexenerativa que organiza o Concello de Ames. Moitos dos procesos implantados na agricultura moderna levaron a perda de fertilidade do solo, principalmente debido ao aumento da presenza microbiolóxica de minerais e materia orgánica. A agricultura rexenerativa comeza por devolver estes compoñentes dinámicos ao solo.

Deste xeito, este sábado, 11 de marzo, en horario de 10:30 a 13:30 horas, impártase un obradoiro de agricultura rexenerativa nas instalacións da Aula da Natureza. Este curso será impartido por Lidia Rojo de Dios, enxeñeira técnica agrícola, técnica en xestión medio ambiental, consultora internacional para ONU Mulleres e directora da Aula medio ambiental de Aloe Enxeñeiros.

O obxectivo é facer explotacións agro-gandeiras rendibles, reducindo os seus gastos e aproveitando as relacións simbióticas sorprendentes entre animais, plantas e vida do solo. Outra meta importante é a recuperación de persoas no interior a través da reconexión coa natureza, da cal somos todos parte e rehabilitación das conexións entre persoas e pobos diferentes. Polo tanto, o resultado esperado é obter prezos accesibles de alimentos sans e nutritivos para todos/as.

As persoas que queiran solicitar máis información ou inscribirse nesta actividade poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para este obradoiro, que está dirixido a persoas adultas, ofértanse 20 prazas.