[21-09-2012] A Concellaría de Comercio e Promoción Económica, en colaboración con Arquetipos Consultores, organizou un micro obradoiro co lema Chaves para a Sustentabilidade. Esta actividade está dirixida a persoas profesionais e emprendedores. O obradoiro vaise desenvolver o mércores 26 de setembro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, baixo o título Alianzas Gañar-Gañar, Colaboración VS Competición. Para participar neste obradoiro hai que enviar un correo electrónico ás direccións promocioneconomica@concellodeames.org ou arquetipos@arquetipos.net indicando o nome, apelidos, profesión e teléfono de contacto da persoa interesada.
Neste momento a sociedade está experimentando un proceso de transformación do seu modelo socioeconómico. A caducidade do paradigma tradicional está abrindo paso ao nacemento de novas formas de relacionarnos co noso contorno, con outras persoas e, por tanto, a perspectivas diferentes á hora de comprender a economía e a conexión entre as organizacións.
Tendo en conta esta perspectiva, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organizou un micro obradoiro co lema Chaves para a Sustentabilidade. Esta acción formativa, que será impartida pola empresa Arquetipos Consultores, está dirixida a emprendedores, empresarios e profesionais que desenvolven a súa actividade no Concello de Ames.
A través deste obradoiro preténdense crear un grupo de persoas, que se reúnan asiduamente, para intercambiar experiencias, información e opinións sobre a sustentabilidade.
Esta iniciativa pretende fomentar un novo paradigma socioeconómico; mellorar a comprensión, a expresión e o acordo entre as persoas; e procurar outras formas de colaboración entre as persoas e as organizacións que conforman o tecido empresarial do Concello de Ames, co fin de apoiar a sustentabilidade dos seus proxectos e do municipio amiense.
Esta actividade será impartida nun ambiente agradable que desde actividades prácticas propicien procesos reflexivos que promoven o descubrimento e a integración dos conceptos presentados, a fin de lograr os obxectivos trazados e que os participantes poidan desenvolverse no seu día a día profesional.