Pestanas principais

O Concello de Ames organiza un dispositivo especial para as eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo

Venres, 10 de xullo de 2020

Esta mañá realizouse unha xuntanza para abordar os últimos detalles do operativo especial que vai a montar o Concello de Ames de cara a garantir as normas e medidas de seguridade que rexerán na xornada electoral deste domingo 12 de xullo. Ao fronte de dito dispositivo estarán o concelleiro de Seguridade, Víctor Fernández, e mailo concelleiro de Protección Civil, Blas García. Participarán 20 voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil, 10 axentes da Policía Local e 25 traballadores/as do persoal municipal. Un total de 24.319 persoas poderán votar en Ames. Os/as electores terán que acudir ás 35 mesas electorais que estarán repartidas por todo o termo municipal.

Para que a xornada electoral transcorra con total normalidade e para cumprir as normas e medidas de seguridade pola Covid-19, o Concello de Ames montou un dispositivo especial no que traballarán 20 voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil, 10 axentes da Policía Local e 25 traballadores/as do persoal municipal. Ao fronte de dito dispositivo estarán o concelleiro de Seguridade, Víctor Fernández, e mailo concelleiro de Protección Civil, Blas García.

Debido á Covid-19 establécense medidas de protección para os membros de mesa e para os/as votantes. En todos os colexios electorais haberá marcas no chan marcando o circuíto que terán que facer os/as votantes para tratar de non cruzarse con outras persoas. Haberá xel desinfectante e guantes para os alérxicos. Os/as votantes deberán acudir  a votar obrigatoriamente con máscara, agás que a persoa votante acredite contradición médica para o seu uso. Aos membros das mesas electorais proporcionaráselles máscaras e pantallas.

Principais modificacións nos colexios electorais
Os colexios electorais de Ames son os mesmos que nas anteriores eleccións. Tan só hai un cambio na mesa electoral de Ventín respecto as anteriores eleccións. No colexio electoral de Ventín cambiase a ubicación da mesa que pasará a estar no pavillón do CEP de Ventín, que é un espazo máis amplo que o utilizado ata agora.

Ademais, os/as votantes teñen que ter en conta unha serie de modificacións que se van realizar respecto de eleccións anteriores. Deste xeito, o acceso aos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro non vai a ser pola entrada principal, se non que se vai a facer polo lateral de ditos pavillóns. Ademais, nestes lugares vaise delimitar unha área específica, na zona frontal dos pavillóns, para que haxa espazo suficiente por se se forman colas para estrar aos pavillóns a votar.

No local social da Tarroeira o acceso farase pola parte traseira. O cambio de acceso nos colexios electorais faise para ter un lugar de entrada e outro de saída e evitar así que os/as votantes se crucen. Nos colexios nos que non é posible dispor de dous puntos de acceso (entrada e saída), este farase polo mesmo punto, pero estará dividido, habendo tamén un lugar de entrada e outro de saída. En todo momento haberá que seguir o circuíto marcado no chan.

En Biduído cortarase un carril da estrada DP-0206, que vai dende a igrexa ata o cruce do lugar de Biduído de Abaixo. O tráfico rodado desviarase polo viario do lugar de Casanova. Tamén é moi importante levar da casa a tarxeta censal para que cada votante saiba en que mesa ten que votar (isto é máis importante se cabe nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro xa que existen varias mesas electorais).

Protocolos de limpeza e desinfección
Faranse as tarefas de limpeza e desinfección dos colexios electorais fixadas no Protocolo, de xeito que se limparán os locais antes do inicio da xornada, varias veces mentres transcorre e unha vez máis ao remate da mesma. No interior dos locais electorais estableceranse circuítos que impidan que a xente se cruce.

Tamén se poñerán en marcha controis de acceso na entrada para evitar que entre máis dun elector á vez por cada mesa. Por iso é moi importante que os electores leven o voto preparado da casa (se isto fose posible), que leven a tarxeta censal para ir directamente á mesa que lles corresponde e que non comparezan nas horas de maior afluencia a fin de evitar colas.

Os maiores de 65 anos, persoas con discapacidade e as persoas que estas precisen para o seu auxilio terán prioridade para a entrada nos locais electorais. Un bando emitido pola Alcaldía lembra todas estas normas e recomendacións, facendo especial fincapé en levar o voto e a tarxeta censal preparados da casa e o uso obrigatorio de máscaras nos colexios electorais.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames organiza un dispositivo especial para as votaciós"

Información de interese para acudir a votar en Ames o 12 de xullo

Multimedia

  • Imaxe da xuntanza de coordinación mantida esta mañá
  • Información de interese para acudir a votar en Ames o 12 de xullo