Pestanas principais

O Concello de Ames organiza un acto na memoria dos “homiños de Boimorto”

Luns, 29 de agosto de 2022

O Concello de Ames organiza este mércores 31 de agosto un acto na memoria dos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto, detidos e asasinados pola represión franquista o 20 de agosto de 1936 nos Batáns. A homenaxe servirá ademais para informar sobre os traballos realizados na parroquia de Ortoño a comezos de agosto pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), co fin de localizar os corpos de seis dos once represaliados durante a Guerra Civil. Será ás 18:00 horas, na carballeira de Ortoño, ao carón da igrexa parroquial. Trátase dun acto aberto a toda a veciñanza que desexe asistir.

O Concello de Ames vai homenaxear este mércores 31 de agosto aos “homiños de Boimorto”, os once concelleiros da corporación municipal de Boimorto detidos e asasinados o 20 de agosto de 1936 nos Batáns por defender a legalidade democrática. O acto terá lugar ás 18:00 horas na carballeira de Ortoño, e contará coa participación da Agrupación de familiares das vítimas do 36 de Boimorto.

Neste senso, un equipo de arqueoloxía da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) visitou a comezos de agosto a parroquia de Ortoño, co fin de realizar labores de exhumación na contorna da igrexa parroquial. Os traballos tiñan como obxectivo recuperar os corpos de seis dos once edís de Boimorto asasinados, xa que foron repartidos en dous grupos tras seren fusilados. Deste xeito, seis corpos foron trasladados ao cemiterio de Ortoño, mentres que os outros cinco foron levados a dúas fosas comúns no Amenal, no concello do Pino.

Non se tratou do primeiro intento de recuperar os restos mortais dos coñecidos como “homiños de Boimorto” en Ames. Xa no 2007, a parroquia de Ortoño acollera tarefas de exhumación, nun lateral da igrexa parroquial, onde estaba situado o antigo cemiterio. Desta volta, e tras a información facilitada por unha testemuña, os labores realizáronse ao carón da fiestra da actual casa reitoral.

Finalmente, nesta nova exhumación a comezos de agosto non apareceron restos significativos. “Cremos que os corpos foron trasladados a mediados dos anos cincuenta a un osario no novo cemiterio”, sinalou Xosé Luís Rivas, concelleiro de Boimorto e portavoz da Agrupación de familiares das vítimas do 36 de Boimorto. Os traballos por atopar os corpos dos represaliados comezaron en 2005, co obxectivo de que as familias recuperen os restos dos seus achegados e de reparar a memoria das vítimas.

As exhumacións realizadas en Ames súmanse ás xa realizadas no Amenal, no concello do Pino, onde se atoparon os restos de tres edís asasinados e onde están á espera dos permisos necesarios para realizar novos traballos de exhumación para intentar localizar os corpos dos outros dous edís asasinados o 20 de agosto de 1936 e enterrados nesa localización.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Acto na memoria dos edís de Boimorto asasinados"

AMSGO!: "Ortoño homenaxea os once “homiños de Boimorto”, asasinados en 1936 polo franquismo"

Enfoques: "El Concello de Ames organiza un acto en memoria de los “homiños de Boimorto”"

O Concello de Ames organiza un acto na memoria dos “homiños de Boimorto”