[30-03-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, organiza as II Xornadas sobre violencia de xénero, onde se tratarán as consecuencias da violencia de xénero na infancia e na adolescencia. Esta acción formativa, que está dirixida a profesionais do sector, ten unha duración de 40 horas, 22 a distancia utilizando un manual de formación específico e 18 presenciais. A parte presencial realizarase en cinco xornadas, que se desenvolverán entre o 17 e o 26 de abril, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. As II Xornadas sobre a violencia de xénero serán inauguradas o 17 de abril, as 18:00 horas, polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, e un representante da Deputación da Coruña, xa que este programa está subvencionado por este organismo a través das axudas para actividades de fomento das políticas de igualdade entre homes e mulleres. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de inscrición e o programa das xornadas sobre violencia de xénero.
A concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, presentou esta mañá as II Xornadas sobre violencia de xénero Consecuencias da violencia de xénero na infancia e na adolescencia. Esta acción formativa dálle continuidade as primeiras xornadas contra a violencia de xénero realizadas en 2010. Esta iniciativa xurdiu despois de que o Concello de Ames elaborase o Protocolo para a protección das vítimas de violencia de xénero.
As II Xornadas sobre violencia de xénero comezarán o 17 de abril, as 17:00 horas, coa entrega do material formativo. Os participantes recibirán unha explicación sobre a metodoloxía de traballo que rexerá nestas xornadas. Esta acción formativa, que está dirixida a profesionais do sector, ten unha duración de 40 horas, 22 a distancia utilizando un manual de formación específico e 18 presenciais. A parte presencial realizarase en cinco xornadas, que se desenvolverán entre o 17 e o 26 de abril, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
Para completar a parte a distancia os participantes terán que realizar unha serie de exercicios que posteriormente enviarán aos titores/as do curso. Para recibir o diploma das xornadas haberá que realizar os exercicios a distancia e a parte presencial. Estas xornadas, que están dirixidas a profesionais que traballan con vítimas da violencia de xénero, tratarán sobre as consecuencias da violencia de xénero na infancia e na adolescencia. Deste xeito, os participantes coñecerán como tratar aos rapaces e rapazas que viven ou viviron situacións de violencia de xénero nos seus fogares.
Inauguración das II Xornadas sobre violencia de xénero
As II Xornadas sobre a violencia de xénero serán inauguradas o 17 de abril, as 18:00 horas, polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, e un representante da Deputación da Coruña, xa que este programa está subvencionado por este organismo a través das axudas para actividades de fomento das políticas de igualdade entre homes e mulleres.
O mércores 18 de abril desenvolvérase a segunda xornada. A partir das 17:00 horas intervirá Yolanda Román González, licenciada en dereito, experta en dereitos humanos e política exterior e responsable de incidencia política e campañas de Save The Children. Yolanda Román impartirá a charla Na violencia de xénero non hai unha soa vítima: nenos e nenas vítimas da violencia de xénero. Consecuencias e retos. A partir das 19:00 horas intervirán Yolanda Villaverde Gondar, traballadora social e directora do Centro de Información da Muller do Concello da Guarda, e Esteban Figueirido Woodford, psicólogo infantil do Centro de Información a Muller do Concello da Guarda. Ambos os dous impartirán unha charla sobre a intervención psicosocial con menores en situacións de conflito familiar.
A terceira xornada desenvolverase o xoves 19 de abril. Nesta xornada intervirá Beatriz Atenciano Jiménez, psicóloga infantil do servizo Mercedes Reyna pertencente á Rede Contra a Violencia de Xénero do Concello de Madrid. Beatriz Atenciano impartirá unha charla sobre os menores que están expostos a malos tratos na parella: realidade, desafíos e oportunidades.
O mércores, 25 de abril, terá lugar a cuarta xornada a cargo do persoal do Centro de Emerxencias Autonómico para vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI), que explicarán a intervención social e psicoeducativa cos e cas menores do Centro de Emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero. Este mesmo día tamén intervirá o persoal do equipo psicosocial do IMELGA de Santiago de Compostela. Neste caso ofrecerá unha charla sobre a actuación que realizan cos fillos e fillas de parellas en procedementos xudiciais por violencia de xénero.
A clausura das xornadas sobre violencia de xénero será o 26 de abril. O encargado de clausurar estas xornadas será Javier Urra Portillo, doutor en psicoloxía e en enfermería, pedagogo terapeuta, psicólogo da fiscalía do tribunal Superior de Xustiza de Madrid, profesor da Universidade Complutense de Madrid e primeiro defensor do menor da Comunidade de Madrid, escritos e contertulio. Javier Urra ofrecerá a charla A Educación: única forma de erradicar a violencia de xénero.
Inscrición nas xornadas
Todas as persoas interesadas en asistir a estas xornadas deben saber que xa está aberto o prazo de inscrición. Ofértanse un total de 40 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Para inscribirse hai que cubrir unha ficha de inscrición que se pode obter nas Unidades de Servizos Sociais do Milladoiro e de Bertamiráns ou descargala na páxina web municipal. Unha vez cuberta hai que entregala nas Unidades municipais de Servizos Sociais. Para obter máis información poden pórse en contacto coa Unidades de Servizos Sociais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10, teléfono 981535941) e de Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns, 981890964).




