[15-04-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Voluntariado, organizou unha excursión a Portugal para o vindeiro sábado 2 de maio. A través desta iniciativa ofrecéselle á veciñanza de Ames a posibilidade de coñecer dúas localidades lusas: Vilanova de Cerveira e Valença do Minho. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de abril. Para apuntarse hai que chamar, de 9:00 a 14:00 horas, ao número de teléfono 662 377 044 ou 662 377 302. Esta actividade, que está dirixida ás persoas que estean empadroadas no Concello de Ames, ten un custo de 25 euros que inclúen almorzo, xantar/baile e desprazamento.
O Concello de Ames volve a organizar unha excursión a Portugal, que se desenvolverá o próximo sábado 2 de maio. Deste xeito, os veciños e veciñas do concello poderán achegarse ata Vilanova de Cerveira e Valença do Minho para coñecer estas dúas localidades lusas e gozar da feira. Esta actividade, que está dirixida ás persoas que estean empadroadas no Concello de Ames, ten o obxectivo de que a veciñanza amiense poida gozar dunha visita cultural e lúdica a Portugal.
A excursión comezará ás 9:00 horas da mañá do sábado 2 de maio coa saída desde Bertamiráns e desde O Milladoiro. Ás 10:00 da mañá está prevista a chegada a Tui, onde se fará unha parada para almorzar. Ás 10:30 horas retomarase a viaxe cara Vilanova de Cerveira, a onde está previsto a chegada arredor das 11:00 horas. Os/as asistentes terán tempo de visitar a localidade e a feira que se celebra cada sábado ata as 14:00 horas, xa que a esa hora realizarase o xantar. Trala comida haberá unha sesión de baile.
Á tarde realizarase a saída en autobús cara a Valença do Minho, a onde está previsto chegar ás 17:00. Ata ás 19:00 horas, as persoas que participen na excursión terán tempo libre para visitar a Fortaleza e o tradicional mercado dos sábados. Ás 19:00 horas, a veciñanza amiense volverá cara Ames, onde se chegará arredor das 20:30 horas.
Todos os veciños e veciñas de Ames que desexen participar nesta excursión poderán anotarse ata o 30 de abril. Para apuntarse hai que chamar, de 9:00 a 14:00 horas, ao número de teléfono 662 377 044 ou 662 377 302. Hai dispoñibles un total de 150 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. A actividade custa 25 euros. Este prezo inclúe o custo do autobús, almorzo e xantar/baile.




