[13-11-2015] O Concello de Ames celebrará os días 19 e 20 de novembro as V Xornadas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero na Casa da Cultura de Bertamiráns. Baixo o título “Acércate á igualdade”, a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade pretende sensibilizar aos cidadáns en materia de igualdade entre homes e mulleres a través de tres liñas de actuación: traballando pola igualdade, a igualdade na práctica, e traballando na educación e prevención. Estas xornadas, que están divididas en tres bloques, están dirixidas a profesionais, á veciñanza en xeral e ao alumnado dos centros educativos municipais. As inscricións pódense realizar en http://acercateaigualdade.com. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa das xornadas.
As xornadas son de carácter gratuíto e estarán abertas a todo o público. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Estímase que poden participar nestas xornadas arredor de 300 adultos e uns 200 alumnos/as dos centros educativos municipais. Está previsto que se celebren conferencias para profesionais e outras sesións destinadas a educadores, adolescentes, pais, nais e outros organismos relacionados coa igualdade de xénero.
Estas xornadas divídense en tres bloques. Pódese asistir a cada bloque por separado, sen ter porqué asistir a totalidade dos bloques necesariamente. Para asistir ao primeiro bloque, que está dirixido a profesionais, as prazas son limitadas e cóntase cun aforo de ata 150 persoas. O primeiro bloque, no que se traballará pola igualdade, desenvolverase o xoves 19 pola mañá. Por ser o primeiro e debido ao formato dos contidos deste bloque as persoas asistentes serán acreditadas e disporán de material tal como: acreditación, caderno de notas, bolígrafo, programa, etc.
Neste primeiro bloque haberá tres charlas e unha mesa redonda. A primeira charla A configuración do dereito a vivir sen violencia de xénero como un dereito fundamental das persoas será impartida por José Fernando Lousada, maxistrado do tribunal Superior de Xustiza de Galicia e experto da Comisión de Igualdade do Consello Xeral do Poder Xudicial. A continuación, Ana de Miguel Álvarez, doutora en filosofía, mestra titular da Universidade Rey Juan Carlos (URJC), e coordinadora do programa de doutorado de estudos interdisciplinares de xénero ofrecerá a charla titulada Onte e hoxe da lexitimación cultural da violencia de xénero contra as mulleres.
Durante o primeiro bloque da programación tamén haberá unha mesa redonda na que intervirán Begoña Riveiro, directora do Centro de Recuperación Integral de Vítimas de Violencia de Xénero, Alejandro Gómez Aragón, mestre da Escola do Sindicato Unificado da Policía en materia de Violencia de Xénero, e Ramón Torrente García, axente de Igualdade de Oportunidades e colaborador do Taller Permanente de Masculinidades e Cambio Social do Instituto de Ciencias da Educación USC. Estará como moderadora Belén Liste Lázara, Subdirectora Xeral para o tratamento da Violencia de Xénero. O primeiro bloque pecharase cunha charla de Charo Izquierdo Martinez, escritora e comunicadora, experta do sector editorial e de prensa feminina, especialista en Igualdade e Violencia de Xénero e escritora do libro “Puta no Soy”.
Bloque II: Realización de obradoiros
Este bloque está aberto ao público en xeral e desenvolverase ao longo da tarde do xoves 19. Haberá tres salas habilitadas, que ao mesmo tempo acollerán cadanseu obradoiro. As prazas son limitadas para cada sala. Deste xeito, a sala A (auditorio) conta con 110 prazas, a sala B (aula auxiliar) dispón de 20 prazas e a sala C (aula dos espellos) ten outras 20 prazas.
Entre as 16:00 e as 17:30 horas desenvolveranse os obradoiros: Ferramentas para a mellora da comunicación na familia. ¿Como xestionamos a nosa influencia sobre os/as máis pequenos/as?; Coñecerse ben, quererse ben. Autocoñecemento, autoestima e respecto; Risoterapia e aptitude positiva. De seguido, entre as 17:30 e as 19:00 horas impartiranse outros tres obradoiros: Estratexias para saír reforzadas/os fronte a situacións difíciles; ¿Como mellorar a comunicación en parella? Estratexias para mellorar a comunicación e as relacións afectivas; Ioga terapéutico.
Bloque para o alumnado dos colexios de Ames
O terceiro e último bloque está especialmente deseñado para o alumnado dos centros educativos do Concello de Ames. Este bloque desenvolverase entre as 9:00 e as 14:00 horas do venres 20 de novembro. A xornada comezará coa charla ¿E ti quen es? O peso do xénero na nosa construción como persoas dentro da comunidade, que será impartida por Teresa Moure Pereiro, mestra titular de Lingüística na Universidade de Santiago de Compostela e escritora. A continuación, intervirá Silvia Pérez Freire, socióloga experta en xénero, docente e escritora, así como investigadora da Universidade de Vigo, que ofrecerá a charla ¿Que é ser home e ser muller nos mundos de hoxe? Análise dos adolescentes como consumidores de medios de comunicación, música, publicidade redes, etc.
A terceira charla da mañá denominada Convivir vs Coincidir: Estratexias para unha convivencia positiva será impartida por Aixa Permuy Martinez, educadora e investigadora do Seminario EXDEHU (Emocionalidade, Xéneros e Desenvolvemento Humano) do ICE da USC. Estas xornadas pecharanse coa charla O valor da diferencia, que será impartida por Fernando Romay, ex-xogador do Real Madrid e da selección nacional de baloncesto. Actualmente, é membro da asociación de xogadores do Real Madrid de baloncesto.
Tramitación das inscricións
Para participar nesta xornadas hai que inscribirse no seguinte sitio web: http://acercateaigualdade.com. Esta formación presencial, é gratuíta, é polo tanto é de asistencia obrigatoria. No caso de non poder asistir, haberá que notificarllo á organización con cinco días de antelación, para deixar a súa praza libre para outros/as posibles participantes. Só se entregarán diplomas acreditativos a aquelas persoas que o soliciten a través do email amesacercate@gmail.com antes do día 16 de novembro. A entrega de estes diplomas farase ao rematar a súa asistencia ás xornadas.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Las jornadas amienses de Igualdade se celebrarán los días 19 y 20 en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Las V Xornadas amienses contra la violencia sexista traerán a Fernando Romay"




