Pestanas principais

O Concello de Ames organiza o V Día do Deporte no Milladoiro o 22 de setembro

Mércores, 20 de setembro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza un ano máis unha ampla oferta de actividades no Día do Deporte, que se celebrará este venres, 22 de setembro, na área deportiva do Milladoiro, de 16:30 a 20:00 horas. Todas as persoas interesadas en realizar un deporte, pero que aínda non saben por que disciplina decantarse, teñen a ocasión ideal de probar e escoller a que máis lles guste no Día do Deporte de Ames. Dito evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinala que “un ano máis está en marcha o Día do Deporte, unha iniciativa dirixida aos amesáns e amesás de todas as idades, que poderán gozar de propostas deportivas axeitadas a todos os gustos. Con esta xornada poñemos en valor a importancia de manterse activos e de realizar actividades saudables, e facemos fincapé no compromiso que existe cos clubs do noso concello”.

A veciñanza poderá gozar de actividades dirixidas como aerozumba, spinning ou baile moderno, así como de piragüismo, atletismo, xadrez, tenis, golf e crocket, patinaxe, baloncesto, fútbol sala, judo e taekwondo. As persoas que participen en cinco desas actividades recibirán un agasallo na carpa de participación.

Trátase dunha xornada de actividades lúdicas que melloran a calidade de vida das persoas que practican estes deportes. Ademais, non só é beneficioso para pór en forma o corpo, senón tamén para prever enfermidades como as coronarias, e incrementar a autoestima e o optimismo. Todas as persoas interesadas en realizar un deporte, pero que aínda non saben por que disciplina decantarse, teñen a ocasión ideal de probar e escoller a que máis lles guste no Día do Deporte de Ames.

Actividades do Día do Deporte
A quinta edición do Día do Deporte terá lugar este venres, 22 de setembro, na área deportiva do Milladoiro. Ofrécese unha extensa oferta deportiva que se ofertará ao longo de tres horas e media, repartidas en horario de tarde, de 16:30 a 20:00 horas.

Deste xeito, no aparcadoiro da área deportiva terán lugar as actividades dirixidas: aerozumba, spinning e baile moderno. Por outro lado, na piscina descuberta haberá piragüismo, mentres que na pista exterior se desenvolverán actividades de atletismo.

Tamén haberá xadrez, na entrada do pavillón; e tenis na pista exterior. O golf e o crocket impartiranse na zona verde, mentres que a patinaxe terá lugar no interior do pavillón polideportivo. No mesmo emprazamento haberá baloncesto.

A actividade de fútbol sala desenvolverase na pista de fútbol sala; e o judo impartirase no ximnasio do pavillón. Para rematar, tamén no ximnasio, haberá taekwondo.

Todas as persoas que participen en, polo menos, cinco actividades, recibirán selos que lles permitirán recibir un agasallo na carpa de organización.

Cartaz do Día do Deporte 2023

Multimedia

  • Cartaz do Día do Deporte 2023
  • Programa do Día do Deporte 2023