Pestanas principais

O Concello de Ames organiza a I Andaina pola senda verde para o vindeiro 25 de setembro

Mércores, 14 de setembro de 2011

[14-09-2011] O Concello de Ames organiza a I Andaina pola senda verde que une Bertamiráns e O Milladoiro a través de vellos camiños e novas pistas forestais que, nun traxecto de 12 quilómetros, percorren zonas cun interesante valor patrimonial e paisaxístico. A andanina será o domingo 25 de setembro. A saída está prevista para as 10.00 horas dende o parque infantil de Ventín e prevese chegar á Praza do Concello en Bertamiráns entre as 13.30 e as 14.00 horas. A andaina terá unha dificultade media e está dirixida ás persoas que lles guste camiñar e gozar da natureza. Recoméndase levar auga, calzado cómodo e algo para comer. Arredor das 12.00 horas farase unha parada de descanso no campo da festa de Bugallido para repoñer forzas e ir aos aseos. A intención do Concello de Ames con esta iniciativa é valorizar o itinerario cultural e ambiental da ruta e da zona co obxectivo de que a xente a coñeza mellor. Ademais, o Concello ten a intención de que a Andaina se converta nunha cita anual para todos aqueles que desexen participar. A iniciativa de organizar a I Andaina parte da concellería de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, que dirixe Eugenia Martín Vicente e conta coa colaboración doutras concellerías.

Inscrición e programa

Todas aquelas persoas que desexen participar na I Andaina de Ames poden inscribirse ata o vindeiro 22 de setembro no Pazo da Peregrina na Concellería de Deportes, no teléfono 981 884 991 ou no enderezo de correo electrónico administracion.cultura@concellodeames.org. Na Andaina participarán dous técnicos do Concello, un do departamento de Medio Ambiente e outro do departamento de Turismo que darán diversas explicacións sobre o que se vai vendo pola senda. Ás 10.00 horas, antes de comezar a camiñar, darase unha breve explicación da ruta e os diferentes elementos paisaxísticos, ambientais e culturais da zona; logo faranse varias paradas de curta duración ao longo do camiño nas que se explicarán temas como a relevancia que teñen en Galicia cultivos coma o do millo e a pataca, a lei de incendios, a xestión sostible do monte, a formación e características do Val da Maía, a Carballeira das Cortes, as Brañas da Devesa, "O Compostelán", que é a primeira liña ferroviaria de Galicia entre Cornes e Carril ou a Igrexa de Bugallido entre outros.

A senda verde

A senda verde enlaza os principais núcleos urbanos de Ames, Bertamiráns co Milladoiro e O Milladoiro con Bertamiráns , nun traxecto de 12 quilómetros que transcorren por zonas cun interesante valor patrimonial e paisaxístico. O seu trazado permite incorporarse á ruta ou abandonala en varios puntos ao longo do itinerario, grazas á extensa rede de camiños e pistas existentes no rural amiense. A ruta ofrece fermosas vistas do Val da Maía, paraxes de singular beleza, lugares de interse histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso.

 Unha vez que quedan atrás os núcleos urbanos do Milladoiro ou de Bertamiráns, obsérvase ao longo de toda a ruta unha natureza ligada fundamentalmente a tres medios diferentes. Por unha parte, unha sucesión de pequenos espazos de paisaxe silvopastorais tradicionais e prados asociados á contorna dos núcleos rurais. Por outra banda, existen espazos de alto valor natural, fundamentalmente cando nos achegamos ao río Sar e, por último,  espazos forestais.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames organiza una ruta por la senda verde entre Milladoiro y Bertamiráns"