Pestanas principais

O Concello de Ames organiza esta semana un completo programa de actividades para escolares sobre a prevención dos lumes e o ciclo da auga

Luns, 19 de marzo de 2012

[19-03-2012] O Concello de Ames ten preparada unha ampla programación de actividades para esta semana con motivo de tres importantes conmemoracións medio ambientais: o día Forestal Mundial (21 de marzo), o día Mundial da Auga (22 de marzo) e o día Mundial da Meteoroloxía (23 de marzo). As actividades, dirixidas a un grupo de 100 alumnos/as de 5º e 6º de educación Primaria do CEIP Agro do Muíño, desenvolveranse no Monte Escolar de Ames, que está situado no lugar de Carballo pertencente á parroquia de Trasmonte. Os nenos e nenas deste centro educativo acudiran ao monte escolar en dous grupos de 50 alumnos/as os días 22 e 23 de marzo para desenvolver labores de limpeza e mantemento nesta finca. Ademais, coñecerán a importancia das árbores no ciclo da auga.

A día de hoxe son múltiples as efemérides e eventos que nos lembran a necesidade de conservar a masa vexetal e inciden na importancia de recoñecer a relevancia da auga como un recurso vital e escaso. Así, o día Forestal Mundial, cada 21 de marzo, o Día Mundial da Auga, cada 22 de marzo, e o día Mundial de Meteoroloxía, cada 23 de marzo, son tres das celebracións que recoñecen o destacado papel das árbores, da auga e do medio ambiente en xeral nas nosas vidas. Neste contexto, o Concello de Ames quere conmemorar estas tres celebracións organizando unha serie de actividades co obxectivo de procurar a implicación dos escolares amienses.

Con motivo destas celebracións o alumnado do CEIP Agro do Muíño trasladarase os próximos 22 e 23 de marzo ao monte-escola, situado no lugar de Carballo, en Trasmonte, para realizar labores de limpeza e mantemento nesta finca. Os rapaces e rapazas aprenderán a importancia de realizar traballos preventivo para evitar situacións perigosas de incendio durante a época estival. Neste sentido, hai que lembrar que a lei de prevención de incendios forestais de Galicia obriga a todos os propietarios de terreos forestais a mantelos en condicións adecuadas de limpeza e de xestión de biomasa. Cumprindo esta normativa os nenos e nenas do CEIP Agro do Muíño acondicionarán o monte-escola para que estea nas mellores condicións posibles de cara ao verán.

Dende o ano 2008 os terreos do Monte Escolar foron conveniados entre particulares e o Concello para a divulgación do valor do monte entre o alumnado amiense. Logo dos traballos de acondicionamento, limpeza e plantación realizados polos nenos/as dos centros de ensino de Ames durante os pasados anos, agora serán eles mesmos os que contribúan a mantelo en condicións adecuadas para que sigan sentindo ese espacio como seu. Por iso, nestas xornadas farán pequenos desbroces, limpeza, eliminación de espacies invasoras, avaliación do estado das árbores plantados en anos anteriores e pasarán unha mañá divertida compartido e valorizando o noso monte.

O ciclo da auga

Ademais de realizar labores preventivas no monte escola de Ames, unha técnico do departamento de Medio Ambiente explicaralle ao alumnado a importancia das árbores no ciclo da auga. As árbores que están plantadas na finca do monte escola son autóctonas polo que precisan menos auga e están habituadas ao clima de Galicia. Outra das cuestións que se abordará é a interrupción do ciclo da auga debido a diferentes factores como poden ser os incendios ou a tala de árbores. Iso provoca unha minoración no proceso de vaporización e cambios no clima polo que é preciso asegurar un equilibrio no ciclo da auga.

Debido a que este ano o lema do día Mundial da Auga é "eficacia alimentaria" váiselle explicar aos nenos e nenas a importancia da auga en bo estado para regar os alimentos que comemos todos os días. Do mesmo xeito, incidirase nos beneficios e na necesidade dun uso racional e responsable da auga ao longo de todo o ano pero, especialmente, neste período de seca.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames organiza un programa para prevención de lumes e o ciclo da auga"