Pestanas principais

O Concello de Ames organiza esta fin de semana un torneo de minitenis e a XVI Carreira Ciclista do Pavo

Mércores, 13 de decembro de 2023

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza esta fin de semana dúas actividades deportivas, que están incluídas dentro da programación de Nadal. O sábado 16 de decembro, ás 10:00 horas, celebrarase nas pistas de tenis de Aldea Nova o torneo de minitenis “Tenis na Rúa”, para rapaces de entre 3 e 18 anos. Por outra banda, o domingo 17 de decembro celebrarase a XVI edición da Carreira Ciclista do Pavo, que comezará ás 12:00 horas nos arredores do paseo fluvial de Bertamiráns.

O Concello de Ames continúa coa programación de actividades incluídas no programa de Nadal de 2023. Desta volta, durante esta fin de semana vai organizar dúas actividades deportivas: o torneo de minitenis “Tenis na Rúa” e maila XVI edición da Carreira Ciclista do Pavo.

Torneo de minitenis
O vindeiro sábado 16 de decembro, ás 10:00 horas, terá lugar nas pistas de tenis de Aldea Nova o torneo de minitenis “Tenis na Rúa”. Trátase dun torneo non federado organizado polo departamento de Deportes do Concello de Ames, no que poden participar rapaces de entre 3 e 18 anos.

Contará con distintas categorías: a branca, destinada a nenos e nenas de 4º e 5º de infantil; a morada, para rapaces de 6º de infantil; a vermella, destinada a nenos e nenas de 1º e 2º de primaria; a laranxa, para rapaces de 3º e 4º de primaria; a verde, para nenos e nenas de 5º e 6º de primaria; a amarela, destinada a rapaces de 1º a 4º da ESO; e a negra, para mozos e  mozas de bacharelato.

A inscrición é de balde, e pode facerse a través deste código QR, cubrindo este formulario electrónico, ou nas propias pistas de tenis de Aldea Nova o mesmo día do torneo.

XVI Carreira Ciclista do Pavo
Ademais, o domingo, 17 de decembro, disputarase a décimo sexta edición da Carreira Ciclista do Pavo de Ames. Trátase dun circuíto urbano, localizado nos arredores do paseo fluvial de Bertamiráns. Os e as participantes darán vinte voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude. Ao comezo das voltas 5, 10 e 15 realizarase un sprint especial ao paso por meta, para repartir agasallos de Nadal entre os gañadores/as.

Xa é posible anotarse na proba. As persoas que estean federadas deben facelo a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo. Pola súa banda, a rapazada que participe nas xincanas e todos aqueles que non teñan licenza federativa deben inscribirse, antes das 23:59 horas deste mércores 13, enviando os seus datos persoais ao enderezo electrónico begonaalonso@mundo-r.com. A recollida de dorsais farase o propio día da carreira, o domingo 17, a partir das 10:00 horas. A inscrición para os federados será de balde, mentres que os non federados deberán pagar 10 euros para participar.

Xincanas ciclistas infantís
As actividades para os cativos e cativas terán lugar antes do arranque da carreira, ás 11:00 horas, cunhas xincanas ciclistas. Os nenos e nenas tamén deberán inscribirse, seguindo os mesmos pasos que as persoas que participen na carreira sen licenza, para contar así con seguro durante a xincana.

Os premios da proba, como vén sendo habitual, serán un pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que se entregarán ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao haber só unha categoría de competición.

Ao remate da carreira faráselle unha homenaxe ao ordense Iván Raña, que en setembro deste ano se converteu no primeiro triatleta español en ser incluído no Salón da Fama do World Triathlon, en recoñecemento á súa exitosa traxectoria deportiva. Raña foi o primeiro campión do mundo español desta disciplina en 2002. Así mesmo, logrou tamén outros dous títulos de campión de Europa e un ouro do Mundial de Acuatlón, ademais de tres participacións en Xogos Olímpicos.

Cortes de tráfico o domingo 17 de decembro
Con motivo da proba, cortarase o tráfico en Bertamiráns, en horario de 11:45 a 13:00 horas, nun tramo da avenida da Maía (desde a rotonda principal ata a estrada de Lapido), na estrada de Lapido, no camiño de Paraxó e na rúa das Pesqueiras. Así mesmo, veranse afectadas as paradas de autobús no tramo da avenida da Maía por onde transcorre a proba no horario establecido.

Recoméndase evitar as vías mencionadas, utilizar a AG-56 e desvíos alternativos, así como ter en conta o uso dos garaxes afectados polas vías mencionadas durante a celebración da proba. Premendo nesta ligazón pódese descargar o aviso sobre os cortes de tráfico en Bertamiráns con motivo da Carreira Ciclista do Pavo.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Fin de semana de deportes en Ames"

La Voz de Galicia: "Carrera ciclista, festival y conciertos navideños hoy domingo en Ames"

 XVI Carreira Ciclista do Pavo

Multimedia

  • Cartaz da XVI Carreira Ciclista do Pavo
  • Código QR para inscribirse no torneo de minitenis “Tenis na Rúa”