Pestanas principais

O Concello de Ames organiza en colaboración coa AECC un taller grupal para deixar de fumar

Luns, 08 de xaneiro de 2018

[08-01-2018] Entre o 31 de xaneiro e o 14 de marzo, o Pazo da Peregrina acollerá a realización dun taller grupal destinado á que as persoas participantes deixen de fumar. O taller desenvolverase ao longo de sete xornadas, os mércores, en horario de 16:00h a 17:00 horas. As persoas que queiran asistir deberán ser maiores de idade e estar empadroadas no Concello de Ames. O prazo de inscrición do obradoiro permanecerá aberto entre o 8 e o 19 de xaneiro. Para inscribirse, será obrigatorio presentar a ficha de inscrición debidamente cumprimentada nos rexistros do Concello ou enviala ao enderezo de correo electrónico sanidade@concellodeames.gal. A túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición.

O taller porá a disposición das persoas asistentes unha serie de estratexias dirixidas a deixar o tabaco, facendo fincapé no feito de que fumar é unha conduta aprendida e que, polo tanto, pode ser controlada e modificada. O obradoiro constará de sete xornadas que se desenvolverán os mércores, das 16:00h ás 17:00 horas, entre o 31 de xaneiro e o 14 de marzo. O taller, que se realizará na aula da planta baixa do Pazo da Peregrina, estará impartido por unha das psicólogas da Asociación Española Contra o Cancro na provincia da Coruña.

O número de prazas dispoñibles son limitadas, sendo 15 o número máximo de persoas participantes. No caso de que as inscricións superen o número de prazas dispoñibles, efectuarase unha selección a partir dunha entrevista que será realizada pola psicóloga que impartirá o taller. Se, pola contra, as inscricións de persoas empadroadas en Ames non chegase ao número máximo de prazas a cubrir, estas serán entregadas ás persoas inscritas non empadroadas. Para o desenvolvemento do taller será preciso contar cunha participación dun mínimo de oito persoas. 

Tramitación das inscricións
Para inscribirse no taller será obrigatorio presentar a ficha de inscrición debidamente cumprimentada nos rexistros do Concello ou enviala ao enderezo de correo electrónico sanidade@concellodeames.gal. As persoas asistentes deberán ser maiores de idade e estar empadroadas no Concello de Ames, estando o último dos criterios condicionado á existencia de prazas desertas. O prazo de inscrición permanecerá aberto desde hoxe ata o vindeiro 19 de xaneiro.

A inscrición será gratuíta, porén deberase facer un depósito de 60 euros á AECC, que serán devoltos ás persoas inscritas unha vez que estas rematen o taller asistindo á totalidade das sesións. O programa para deixar de fumar da AECC ten unha taxa de éxito do 60%. Calquera dúbida sobre o desenvolvemento do mesmo poderá ser resolta a través do enderezo de correo electrónico do departamento de Sanidade municipal ou no Pazo da Peregrina, na oficina do programa Ames Saudable. 

Ames Saudable
A realización deste taller encádrase dentro do proxecto Ames Saudable, o cal engloba tres áreas de actuación: promoción da actividade física, dunha alimentación saudable e dunha vida sen tabaco, alcohol e outras drogas. Unhas das medidas incluídas neste programa foi a de abrir de novo ao público o servizo personalizado da nutricionista municipal, que atende os xoves na Casa de Cultura de Milladoiro e os venres no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas. 


Contido relacionado


Lindeiros: "Ames e a Asociación Española contra o Cancro organizan un taller para deixar de fumar"