[19-08-2015] O Concello de Ames e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, organizaron para este xoves, 20 de agosto, e para o vindeiro martes, 25 de agosto, dous obradoiros de iniciación á observación astronómica que se desenvolverán no paseo fluvial de Bertamiráns e na travesía do Porto do Milladoiro, respectivamente. En ambas as dúas actividades, que comezarán ás 22:30 horas, observaranse constelacións, planetas, estrelas visibles e nebulosas. Recoméndase que os asistentes leven unhas estreillas para sentarse mentres gozan da actividade.
O Concello de Ames colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. No marco deste programa o persoal do observatorio astronómico Ramón María Aller desenvolverá dous obradoiros de iniciación á observación astronómica, que se impartirán este xoves, 20 de agosto, no rego dos Pasos, que está situado no paseo fluvial de Bertamiráns, e o vindeiro martes, 25 de agosto, na travesía do Porto do Milladoiro.
Nestas sesións astronómicas, que comezarán ás 22:30 horas, os participantes poderán observar mediante un telescopio varias constelacións, diferentes planetas, estrelas visibles e nebulosas. A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, anima a todos os veciños e veciñas a acudir a esta actividade “xa que se trata dunha actividade aberta a todas as persoas que desexen asistir. Para participar nesta actividade non é necesario inscribirse previamente. Ademais, recoméndase que os asistentes leven unhas estreillas para sentarse mentres gozan da actividade”.
Programa Todocosmos
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a ciencia astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.
Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "A Astronomía ao alcance de todos: colaboración Universidade-Concellos-Organismos Públicos e Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT para o ano 2015, e no que participan así mesmo os concellos de Ames, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, así como a empresa Óptica Val.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Talleres de observación astronómica sin inscripción previa"




