Pestanas principais

O Concello de Ames organiza dous obradoiros de iniciación á marcha nórdica os días 15 e 16 de setembro

Xoves, 13 de setembro de 2018

[13-09-2018] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames organiza para os días 15 e 16 de setembro dous obradoiros de iniciación á marcha nórdica, a través dos que se busca dar a coñecer entre os e as amesás os beneficios desta actividade, así como as técnicas correctas para o seu exercicio. Para participar nestes talleres, que se celebrarán este sábado 15 en Bertamiráns e o domingo 16 no Milladoiro, é necesaria inscrición previa a través do teléfono 649 450 264. Para desenvolverse dita actividade hai que xuntar, como mínimo, 6 persoas en cada un dos grupos. O número de prazas máximas por grupo será de 16.


A marcha nórdica, que consiste en camiñar coa axuda de dous bastóns deseñados expresamente para esta actividade, ten como obxectivo optimizar o esforzo que realizamos ao camiñar, posto que involucra tamén as costas, os brazos e os ombreiros ao exercicio que de por si fan as pernas e as cadeiras. Asemade, reporta a quen o practica tanto beneficios a nivel cardiovascular como á hora de corrixir posturas que se adoptan no día a día.

En vista destes beneficios, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, organiza dous obradoiros para dar a coñecer as técnicas e beneficios que a práctica da marcha nórdica pode supor para a saúde. Así, o primeiro taller de iniciación celebrarase nos xardíns co Pazo da Peregrina, de Bertamiráns, este sábado, 15 de setembro, de 11.00 a 13.00 horas; mentres que no Milladoiro terá como lugar de realización a entrada do pavillón polideportivo o domingo 16 de setembro, no mesmo horario.

Así, durante dúas horas, ensinaranse as técnicas necesarias para practicar a marcha nórdica, como son as posturas, como coller os bastóns de forma correcta para sacarlles o maior proveito, e a influencia que este exercicio pode ter no organismo. Estas explicacións combinaranse con pequenas andainas, que permitirán aplicar eses coñecementos. Deste xeito, este exercicio é adecuado para calquera condición física ou patoloxía.

A práctica deste tipo de marcha pode carrexar beneficios a nivel cardiovascular, como é o uso de da musculatura de todo o corpo, o que pode chegar a supor un 30% máis de gasto de enerxía, ou que o uso de bastóns favoreza o bombeo e o retorno venoso. Pero tamén a nivel de corrección de posturas, xa que reduce as molestias cervicais e dorsais, favorece a correcta aliñación da columna vertebral e corrixe as posturas que se poden adquirir día a día.

Para inscribirse nesta actividade é necesario ser maior de 12 anos e apuntarse chamando ao número de teléfono 649 450 264. Os grupos serán de entre 6 e 16 persoas. Para desenvolverse dita actividade hai que xuntar, como mínimo, 6 persoas en cada un dos grupos. O número de prazas máximas por grupo será de 16. As persoas participantes terán que ir equipados con roupa e calzado cómodos, postos que os bastóns serán facilitados polo monitor.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Concello de Ames organiza dous obradoiros de iniciación á marcha nórdica os días 15 e 16 de setembro"