Pestanas principais

O Concello de Ames organiza diversas actividades ao longo da semana para festexar o Samaín

Venres, 28 de outubro de 2022

O Concello de Ames acolle, dende hoxe e ata o venres 4 de novembro, unha serie de actividades con motivo do Samaín, organizadas por distintas asociacións do concello e polas bibliotecas municipais. Haberá obradoiros, exposicións, contacontos e espectáculos musicais.

As asociacións de veciñanza e as ANPA do Concello de Ames, así como as bibliotecas municipais, a través dos departamentos de Cultura e de Normalización Lingüística, ofrecen estes días numerosas propostas para festexar o Samaín. A partir de hoxe, 28 de outubro, e ata o próximo venres, día 4 de novembro, organízanse no municipio varios eventos para cativos e adultos.

Actividades na Casa da Cultura do Milladoiro e nas bibliotecas municipais
A Casa da Cultura do Milladoiro abre as súas instalacións para acoller a exposición de Samaín das cabazas elaboradas polos alumnos e alumnas do CEP de Ventín, para que os visitantes coñezan o seu traballo e desfruten coas súas creacións. Exporanse no primeiro andar dende esta tarde ata o luns 31 de outubro.

Por outra banda, a  Asociación de Nais e Pais “As Brañas”, do mesmo centro escolar, organiza mañá sábado, a partir das 17:30 horas, dous obradoiros abertos a todos os nenos e nenas que queiran participar. Os talleres celebraranse tamén na Casa da Cultura do Milladoiro. O primeiro deles consiste en elaborar distintas personaxes típicas destas datas do ano  (lobishomes, vampiros, meigas, morcegos, cabazas, monstros...) con material de refugallo. Poden participar todos os membros da familia, elaborando cada un unha personaxe distinta.

Tras rematar o obradoiro anterior, haberá un “pintacaras terrorífico”, a xogo cos disfraces de cada asistente. Novamente, o taller estará destinado tanto á cativada como ás súas familias. Todos aqueles que queiran inscribirse ás actividades poden facelo accedendo á páxina web da ANPA  a través desta ligazón.

As bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro tamén acollen, dende hoxe e ata o vindeiro luns, 31 de outubro, unha exposición de libros de medo. Quen se achegue durante estas xornadas levará unha sorpresa co seu préstamo.

Así mesmo, os alumnos da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) tamén están acudindo estes días disfrazados e realizando divertidos vídeos con temática de Samaín.

Pola súa banda, o programa Apego arrinca o mes de novembro cun contacontos “terrorífico” para os máis cativos, que terá lugar o venres día 4 ás 19:00 e será presentado polo dúo Rilo&Penadique, dedicado á narración oral e á música. O obxectivo é achegar aos pequenos aos contos tradicionais.

Magosto terrorífico en Bugallido
A Asociación de Veciños de San Pedro de Bugallido, en colaboración co Concello de Ames, ofrece mañá, 29 de outubro, unha xornada lúdica no local social de Bugallido. Das 17:00 ás 19:00 horas haberá obradoiros e servirase merenda para os cativos, aos que se anima a levar o seu propio disfraz.

A partir das 19:00 horas, para celebrar o magosto, sucederanse as actuacións dos grupos de música tradicional Pandereteiras da Costaneira, Os Retranqueiros e Enxebres de Cacheiras. Posteriormente haberá música e baile da man do DJ Pablo Ríos. A actividade é aberta ao público, e haberá castañas e cantina e carpa.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Cóctel festivo para celebrar Samaín y magosto"

AMS GO!: "Ames prepara unha terrorífica fin de semana de Samaín"

O Concello ofrece distintas actividades para os máis pequenos

Multimedia

  • O Concello de Ames organiza diversas actividades ao longo da semana para festexar o Samaín
  • O Concello de Ames organiza diversas actividades ao longo da semana para festexar o Samaín
  • O Concello de Ames organiza diversas actividades ao longo da semana para festexar o Samaín
  • O Concello de Ames organiza diversas actividades ao longo da semana para festexar o Samaín