Pestanas principais

O Concello de Ames ordénalle a unha promotora que remate os traballos de urbanización na Travesía do Pedregal

Sábado, 19 de marzo de 2011

[19-03-2011] O Concello de Ames está vixiando moi de preto a todas as promotoras para que cumpran coa normativa urbanística en vigor, así como para que cumpran co deber de urbanizar os viarios e espazos públicos de xeito simultaneo ao que realizan as construcións para as que solicitaron licenza. Dende o departamento de disciplina urbanística incoouse un expediente de orde de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público a unha empresa construtora, ordenando a adopción inmediata de medidas para a execución das obras de urbanización da Travesía do Pedregal. Ante a situación de perigo que supón para os viandantes pasar por esta rúa o Concello encargoulle á brigada municipal de obras colocar o valado de protección das devanditas obras, para evitar que algún veciño/a se dane ao pasar andando por este lugar.

O Concello de Ames está realizando un control moi exhaustivo co fin de que todas as empresas promotoras cumpran coa normativa vixente en materia de seguridade, salubridade e ornato público. A maioría das promotoras no lugar de realizar as obras de urbanización para que os seus terreos obteñan a condición de solar e se poida edificar, agardan a rematar os edificios e logo póñense a executar os traballos de urbanización dos viarios e espazos públicos que lindan cos seus solares. Iso provoca o incumprimento da lei, así como un claro perigo para toda a veciñanza, xa que teñen que andar sorteando ocos e circular por beirarrúas que están intransitables.

Neste senso, nas últimas semanas recibíronse no Concello numerosas queixas por parte dos veciños da zona da Travesía do Pedregal por mor das obras de urbanización vinculadas á construción de tres bloques de vivendas en tres fases sucesivas formado por dous bloque, que fan intransitables as beirarrúas da rúa do Pedregal. Segundo consta nos informes da arquitecta municipal a franxa da beirarrúa está completamente levantada, existen ocos no chan e tubos soltos, o que supón un claro perigo para todos os viandantes que teñen que pasar por este lugar.

Asemade, as obras das edificacións dos bloques de vivenda están aparentemente rematadas e a promotora xa solicitou as licenzas de primeira ocupación. A obra de urbanización está iniciada, pero leva parada dende hai tempo e non cumpre coas normas de seguridade necesarias. O Concello xa lle ten remitido a devandita promotora un informe no que se recollen as características requiridas para o acondicionamento urbanístico da zona que está fronte á promoción que desenvolveu na Travesía do Pedregal. Ata o de agora non se recibiu resposta algunha por parte da empresa no que se indique cando se van rematar as obras de urbanización.

Deste xeito, prodúcese un incumprimento da obriga de urbanizar sinalada na Lei de Ordenación e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) e no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ames (PXOM) con carácter previo ou simultáneo ao de edificar. En primeiro lugar a devandita promotora incumpriu o artigo 9 e 199 da LOUGA, así como o artigo 39 do Regulamento de Xestión Urbanística que sinala que só se poderá edificar cando os terreos adquiran a condición de solar ou cando se asegure a execución simultánea da urbanización e da edificación.

O artigo 40 do mesmo regulamento dispón no seu apartado 3 que o incumprimento do deber de urbanización, simultáneo á edificación comportará a caducidade da licencia, sen dereito á indemnización, impedíndose o uso do edificado, sen prexuízo do dereito dos terceiros adquirentes ao resarcimento de danos e prexuízos que se lles houbesen irrogado. Así mesmo comportará a perda da fianza.

Incumprimento do PXOM

A empresa promotora tamén incumpriu o Plan Xeral de Ordenación Municipal en canto a que en toda obra de nova planta ou derrubo, e nas de reforma ou conservación que afecten ás fachadas do edificio, será esixible un valado de protección de polo menos dous metros de altura, constituído por materiais que ofrezan seguridade, conservación e bo aspecto e situado a unha distancia que en cada caso debe sinalar o propio Concello.

Á vista da situación de perigo para os viandantes creada por esta promotora, O Concello de Ames, mediante resolución de Alcaldía, decreto número 257/2011 de data 11 de marzo de 2011, iniciou un expediente de orden de execución por motivos de seguridade e na mesma resolución adoptou como medida urxente que a brigada municipal procedese ao valado das obras en orde a evitar a situación de perigo que están a soportar os veciños da zona. Todo elo sen prexuízo de que se poida iniciar un expediente de caducidade da licenza concedida e non se poida facer uso do edificado.

Os custes derivados da instalación dun peche para delimitar o lugar das obras, tapado de ocos e protección dos redondos, que realizou a brigada municipal de obras, será cargado á devandita promotora. Actualmente o expediente atópase na fase de trámite de audiencia. No caso de incumprimento do ordenado, procederase por esta administración a obrigarlle a cumprilo mediante a imposición de multas coercitivas ata que remate os traballos de urbanización requiridos.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El Concello de Ames ordena urbanizar la travesía do Pedregal"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames ordena urbanizar la travesía do Pedregal"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames ordena urbanizar la travesía do Pedregal"
La Voz de Galicia: "Ames urge a una promotora que remate la travesía de Pedregal"
La Voz de Galicia: "Ames urge a una promotora que remate la travesía de Pedregal"
La Voz de Galicia: "Ames urge a una promotora que remate la travesía de Pedregal"
La Voz de Galicia: "Incumple la normativa del Plan Xeral"
La Voz de Galicia: "Incumple la normativa del Plan Xeral"
La Voz de Galicia: "Incumple la normativa del Plan Xeral"