Pestanas principais

O Concello de Ames ofrece unha ampla oferta lúdica de verán para a poboación máis nova do municipio

Venres, 05 de xullo de 2013

[05-07-2013] Un ano máis, o Concello de Ames deseñou para os meses de verán unha completa programación lúdica destinada á poboación máis nova do municipio. Campamentos, servizos de conciliación e actividades deportivas compoñen unha programación que ten como obxectivo ofrecer unha alternativa composta por variadas opcións para o ocio dos máis novos do municipio.


Descenso do Tambre
A praia fluvial de Tapia acollerá o día 11 de agosto a XXVIII edición do descenso do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organiza unha competición que xa é unha referencia para o piragüismo galego debido á alta calidade dos seus participantes. Este ano haberá dous circuítos, un de seis quilómetros para as categorías de cadetes, xuvenís, sénior e veteranos. Os participantes nestas categorías realizarán un descenso dende Portomouro ata a praia fluvial de Tapia. O segundo circuíto, que conta cun quilómetro e medio de distancia, instalarase na praia fluvial de Tapia e está dirixido aos nenos e nenas de categoría benxamín, alevín e infantil.

Ademais, dende o pasado luns 1 de xullo as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro acollen os cursos de natación nos que participan nenos e nenas a partir dos 3 anos. O programa está dedicado a ocupar o tempo libre de nenos e nenas durante as vacacións do verán e, deste xeito, aprender tamén un deporte novo.

Oferta deportiva
Por outra banda, durante a última semana de xuño e a primeira quincena de xullo estanse desenvolvendo diferentes actividades deportivas. O campo municipal de fútbol de Bertamiráns acolleu entre o 24 e o 28 de xuño o II Campus de Fútbol 8 Bertamiráns FC, un evento que estivo dirixido aos nenos e nenas de 8 a 12 anos, correspondentes ás categorías prebenxamín e alevín. Durante esa semana os rapaces aprenderon distintos principios técnicos (condución, control, pase, caneos, desmarques e marcaxes), que puxeron en práctica xogando varios partidos de fútbol.

Ademais, os días 29 e 30 de xuño disputouse o torneo de fútbol 11 da Ames Cup correspondente á categoría infantil. Nesta competición participaron un total de 16 equipos de toda Galicia. A final da Ames Cup disputárona o Bertamiráns FC e o CD Conxo. Despois dun disputado encontro que rematou con empate a cero goles, o Bertamiráns FC impúxose na quenda de penaltis.

A Ames Cup continúa esta fin de semana (5, 6 e 7 de xullo) co torneo de fútbol no que participarán os equipos de categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Nesta edición haberá representación internacional que corre a cargo da Escola do Sporting de Lisboa de Alta Lisboa, da Escola de Leao Altivo, ambas da cidade de Lisboa, e a EF Hernani Gonçalves do Porto.

Cómpre destacar que entre o 1 e o 12 de xullo estase desenvolvendo no campo municipal de fútbol de Bertamiráns o primeiro Campus Experience da Fundación Realmadrid. Trátase do primeiro campus do Real Madrid que se organiza en toda Galicia. Este evento deportivo está organizado pola Peña madridista IL Ritrovo en colaboración co Concello de Ames, que lle cedeu as instalacións municipais onde se está desenvolvendo esta actividade. Neste campus participan uns 70 rapaces de toda Galicia (Sanxenxo, Narón, Fene, comarca de Santiago de Compostela, etc.) e incluso de León.

Por último, hai que anunciar que os días 13 e 14 de xullo disputarase o I Torneo de Fútbol Praia 'Praia do Pedregal', que se desenvolverá na zona do Pedregal.

Deste xeito, máis de 230 nenos e nenas de entre 3 a 16 anos de idade participarán nos campamentos programados polo Concello de Ames para este verán. Os campamentos, que se desenvolven entre os meses e xuño e xullo, teñen lugar en distintos puntos de Galicia: a granxa Fervenzas do Toxa (Silleda), o Albergue Lug-2 (Lugo), o Surf Camp Caldebarcos (Carnota) e o Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz) son os destinos.

Ademais, entre o 1 e o 12 de xullo, estase celebrando o campamento urbano na Aula da Natureza, en horario de 16:00 a 20:00 horas. En total, 36 nenos participan neste campamento, que se celebra por segundo ano tras a boa acollida rexistrada. Grazas a este programa de campamentos deseñado polo Concello de Ames, a través das concellerías de Medio Ambiente e Xuventude, os cativos teñen a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente.

Como cada verán, tamén se programou o servizo de conciliación Escola de Verán, que se desenvolve nos meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 h. a 16:00 horas. En total, participan neste servizo de conciliación un total de 374 nenos e nenas, 170 en Bertamiráns e 204 en Milladoiro. As actividades que se desenvolven xiran ao redor dunha temática única, tanto para os nenos e nenas de Bertamiráns coma para os do Milladoiro, que será 'O arco da vella' e que ten como obxectivo invitar aos nenos e nenas a viaxar con imaxinación e creatividade.

Ademais, este ano volverá a ofrecerse o servizo do Setembro Lúdico que se desenvolverá entre o 2 e o 10 de setembro. A través deste programa ocúpase o tempo de lecer dos nenos/as entre o remate da Escola de Verán e o comezo do colexio. O prazo de preinscrición para esta actividade irá dende o 22 de xullo ata o 6 de agosto.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Touro e Ames colaboran cos pais na conciliación da vida laboral e familiar"