Pestanas principais

O Concello de Ames ofrece obradoiros gratuítos para aprender a crear e a subir vídeos a Youtube dentro do concurso Youtubeir@s

Martes, 14 de marzo de 2017

[14-03-2017] As concellarías de Mocidade e Normalización Lingüística poñen en marcha uns obradoiros formativos de vídeo creación para participar no programa Youtubeir@s. As persoas maiores de 14 anos poderán inscribirse nestas xornadas ata o 24 de marzo. Haberá dúas partes: unha o 31 de marzo e outra o 7 e abril. Desenvolveranse nas aulas de informática das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Estes obradoiros formativos terán unha duración de 3 horas presencias e unha semana de seguimento en liña entre a primeira e a segunda sesión. Para inscribirse hai que enviar un correo ao enderezo normalizacion@concellodemaes.gal indicando nome, apelidos, idade, teléfono de contacto, e localidade escollida para realizar o obradoiro.

Queres ser Youtubeir@?? Dende as concellarías de Mocidade e Normalización Lingüística animan á veciñanza amesá a participar nos obradoiros formativos de vídeo creación para participar no programa Youtubeir@s, que é un concurso de vídeos na Rede no cal se pode participar ata o 28 de abril de 2017. A través desta xornadas preténdese achegar formación sobre a vídeo creación para Youtube. Asemade, vaise fomentar a creatividade audiovisual para transmisión de saberes, animar á participación no concurso Youtubeir@s (cada participante creará e subirá á rede o seu propio vídeo), incrementar a presenza do galego nos vídeos da rede e incentivar o uso do galego entre a mocidade amesá.

O obxectivo principal que persegue este obradoiro é facilitar a participación no concurso Youtubeir@s, de xeito que os asistentes aprendan a sacarlle o máximo rendemento ás cámaras dos dispositivos móbiles e a contar ou transmitir de forma eficiente e entretida os nosos coñecementos ou opinións. Cada participante no obradoiro poderá crear e subir á rede o seu propio vídeo para participar no concurso de vídeos na rede Youtubeir@s (www.youtubeiras.gal). Esta actividade formativa está dividida en dúas partes que se desenvolverán nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro os venres 31 de marzo e 7 de marzo.

Estes obradoiros formativos terán unha duración de 3 horas presencias e unha semana de seguimento en liña entre a primeira e a segunda sesión. Cada participante terá o reto de crear un vídeo titorial ou unha vídeo opinión durante o obradoiro e de subir a súa creación á rede. Na primeira sesión veranse consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos dispositivos móbiles, aprenderase a mellor forma de contar os nosos coñecementos e ofrecerase asistencia en liña para calquera dúbida que poida xurdir ata a segunda sesión. Na segunda sesión editarase o material e aprenderase a subilo a Youtube.

A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde. Todos os vídeos participantes teñen que estar publicados na plataforma de vídeo de Youtube (sen restricións de privacidade) coas etiquetas #youtubeiras ou #youtubeiros na descrición. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos autoproducidos en galego dunha duración máxima de 5 minutos. Os vídeos participantes deben estar licenciados en Creative Commons.

Dúas categorías: vídeo-facermos e vídeo-opinarmos
Existen dúas categorías: video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade...). Valorarase o enxeño e a creatividade, a calidade técnica, a eficiencia comunicativa e a calidade lingüística. Repartiranse 6 premios (2 premios de 1.000 euros e 4 mencións honoríficas).

Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, A Coruña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Este programa ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.