Pestanas principais

O Concello de Ames oferta un total de 438 prazas para os campamentos de verán 2015

Xoves, 16 de abril de 2015

[16-04-2015] O Concello de Ames xa ten preparado o programa de campamentos municipais de verán para este 2015, unhas actividades pensadas para que os rapaces e rapazas, mozos e mozas que cursan estudos dende 4º de educación infantil ata 4º da ESO pasen uns días de vacacións cheos de actividades lúdicas e instrutivas. Este ano ofértanse un total de 438 prazas repartidas en sete campamentos diferentes que se desenvolverán durante os meses de xuño e xullo. En tódolos campamentos resérvase un 10% das prazas para casos de emerxencia social e as familias numerosa terán un 50% de desconto sobre o custo total do campamento que elixan. O prazo para preinscribirse estará aberto dende o 17 ata o 28 de abril. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de preinscrición.

Nesta edición os campamentos municipais de verán están dirixidos aos nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de educación infantil, ao alumnado de educación primaria, e aos rapaces e rapazas que cursan estudos de ESO. Este ano os campamentos desenvolveranse na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), na granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes), no campamento náutico de Vilagarcía de Arousa e no campamento xuvenil de Castrelo de Miño. Ademais, este ano desenvolverase a cuarta edición do campamento urbano, que se levará a cabo no mes de xullo na Aula da Natureza.

Campamentos ofertados
Os nenos de 4º e 5º de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 22 e 23 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda). O custo deste campamento será de 45 euros e ofértanse 50 prazas. Ademais, os rapaces e rapazas de 6º de educación infantil tamén terán a posibilidade de pasar uns días neste mesmo campamento. Neste caso ofértanse outras 50 prazas para os nenos/as que pasen os días 25, 26 e 27 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa. Esta actividade terá un custo de 90 euros.

Por outra banda, os rapaces e rapazas que están cursando 1º e 2º de educación primaria poderán acudir á granxa escola El Kiriko, situada en Fornelos de Montes. Neste caso, a estancia será do 26 ao 28 de xuño a un prezo de 90 euros. Para este campamento ofrécense un total de 100 prazas. Para os alumnos de 3º e 4º de educación primaria ofértanse 90 prazas tamén para a granxa escola El Kiriko. A estancia neste campamento será dende o 26 ata o 29 de xullo e terá un custo de 127 euros.

Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria poderán estar entre os días 19 e 24 de xullo no campamento náutico de Vilagarcía de Arousa. Neste caso ofértanse 48 prazas a un prezo de 170 euros. Por último, os mozos e mozas que están cursando 1º, 2º, 3º e 4º da ESO terán a posibilidade de pasar uns días no campamento xuvenil de Castrelo de Miño. Este campamento desenvolverase do 1 ao 8 de xullo e terá un custo de 220 por persoa. Neste caso ofrécense 50 prazas.

Debido ao éxito acado nas edicións anteriores, este ano a concellaría de Medio Ambiente volve a organizar o campamento urbano que se desenvolve na Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, desenvolverase do 6 ao 17 de xullo (de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas). En total, haberá 50 prazas dispoñibles e terá un custe de 50 euros. Tódolos campamentos contarán con servizo de autobús.

Prazo de preinscrición
Todos os rapaces que desexen asistir a algún destes campamentos teñen que realizar a correspondente preinscrición do 17 ao 28 de abril. En tódolos campamentos resérvase un 10% das prazas para casos de emerxencia social e as familias numerosa terán un 50% de desconto sobre o custo total do campamento que elixan.

As bases e os impresos de preinscrición poden descargarse no banner que está colocado na parte superior da web municipal. Tamén se poden obter acudindo de xeito presencial, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ás oficinas municipais do Milladoiro; ao departamento de Medio Ambiente da Casa do Concello; á OMIX da Casa da Cultura de Milladoiro (martes e venres) e da Casa da Cultura de Bertamiráns (luns, mércores e xoves). Os sábados, no mesmo horario, tamén se poderán obter no Rexistro Xeral da Casa do Concello.

Unha vez cuberto o impreso de preinscrición deberá entregarse de luns a sábado, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns. Tamén se pode entregar no rexistro das oficinas municipais do Milladoiro e no rexistro do Pazo da Peregrina, pero de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.

Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, así como do campamento urbano poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. Para solicitar información sobre o campamento xuvenil de Castrelo de Miño deben chamar ao número 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames reserva un 10 % de plazas de campamento a familias sin recursos"