[22-12-2014] Coincidindo co inicio das vacacións ponse en marcha, un ano máis, o programa de actividades do Nadal Lúdico que lles permite aos pais e nais conciliar a súa vida laboral e familiar. Neste programa, que se desenvolve dende o día 22 de decembro ata o 7 de xaneiro en horario de 7.30 h ata 16.30 horas, participan un total de 116 usuarios/as. En Bertamiráns os nenos e nenas acoden ao CEIP A Maía e, no Milladoiro, os nenos e nenas de educación infantil están na EEI Milladoiro e os de educación primaria no polideportivo e na Casa da Cultura. Nos lúdicos desenvólvense actividades e obradoiros que teñen por obxectivo ocupar o tempo de lecer dos máis pequenos dun xeito divertido e educativo e permitindo a nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos seus fillos/as.
O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, achegouse esta mañá ata o pavillón polideportivo do Milladoiro para ver a evolución das actividades lúdicas que se desenvolveron durante o primeiro día deste programa. Moar explicou que “a finalidade deste programa é facilitarlle a conciliación da vida familiar e laboral aos nosos veciños, tendo en conta que Ames é un dos concellos con maior índice de natalidade de toda Galicia”.
Este programa está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e en educación primaria empadroados no Concello de Ames. Tamén poden acceder aqueles fillos e fillas das persoas que, aínda que non estean empadroados, traballan neste municipio.
O Nadal Lúdico desenvólvese tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns. No Milladoiro son 70 os nenos e nenas que participan no programa lúdico, mentres que en Bertamiráns son 46. En Bertamiráns os nenos/as desenvolven as actividades do Nadal lúdico no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro os nenos/as de educación infantil están na EEI Milladoiro e os rapaces e rapazas de educación primaria na Casa da Cultura e no pavillón polideportivo.
O tema arredor do que van a xirar as actividades deste programa é a celebración das distintas festas que hai durante o Nadal. Deste xeito, os rapaces e rapazas que participan neste programa coñecerán máis polo miúdo como se celebran as festas de Nadal en diferentes países, e para iso, o día de fin de ano van a falar con persoas de Colombia, Marrocos, entre outros países, para coñecer as tradicións e costumes das persoas nativas destes lugares durante a festa de fin de ano.
Ademais, os nenos e nenas van a inventar o seu propio Nadal. Para iso van a elaborar unha maqueta sobre o Nadal inventado. Tamén elaborarán diferentes instrumentos con material de refugallo, que empregarán para o concurso de panxoliñas no que van a participar. Por último, farán unha árbore dos desexos, unha bota de Papá Noel, e participarán en diferentes xogos e obradoiros de manualidades.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Los planes de conciliación de Nadal rebasan los trescientos usuarios"




