[22-04-2014] O Concello de Ames xa ten preparado o programa de campamentos municipais de verán para este 2014, unhas actividades pensadas para que os rapaces e rapazas, mozos e mozas que teñen de 3 a 16 anos gocen duns días de vacacións cheos de actividades lúdicas e instrutivas. Este ano ofértanse un total de 330 prazas repartidas en sete campamentos diferentes que se desenvolverán durante os meses de xuño, xullo e agosto. En tódolos campamentos resérvase un 10% das prazas para casos de emerxencia social. O prazo para preinscribirse estará aberto dende o vindeiro mércores 30 de abril.
Os campamentos, dirixidos a nenos e nenas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e aos rapaces e rapazas desde 1º a 4º de ESO, realizaranse nesta edición en lugares como a granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes), Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz), no parque natural Serra do Xurés (Muíños), e no campamento xuvenil Ribeira Sacra (Quiroga).
Ademais, este ano desenvolverase a terceira edición do campamento urbano, que se levará a cabo no mes de xullo na Aula da Natureza. Grazas a este programa de campamentos deseñado polas concellerías de Medio Ambiente e Xuventude, os rapaces e rapazas terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente. En todos os campamentos faranse xogos de cooperación e divertidas veladas.
Campamentos ofertados
Os nenos de 1º e 2º de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 25 e 26 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda). O custo deste campamento será de 45 euros e ofértanse 30 prazas. Ademais, os rapaces e rapazas de 3º de educación infantil tamén terán a posibilidade de pasar uns días neste mesmo campamento. Neste caso ofértanse outras 30 prazas para os nenos/as que pasen os días 26, 27 e 28 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa. Esta actividade terá un custo de 90 euros.
Por outra banda, os rapaces e rapazas que están cursando 1º e 2º de educación primaria poderán acudir á granxa escola El Kiriko, situada en Fornelos de Montes. Neste caso, a estancia será do 27 ao 29 de xuño a un prezo de 90 euros. Para este campamento ofrécense un total de 60 prazas.
Para os alumnos de 3º e 4º de educación primaria ofértanse 50 prazas no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz. A estancia neste campamento será dende o 30 de xuño ata o 3 de xullo e terá un custo de 127 euros. Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria poderán estar entre os días 3 e 8 de agosto no parque natural Serra do Xurés, en Muíños. Neste caso ofértanse 60 prazas a un prezo de 170 euros.
Por último, os mozos e mozas que están cursando 1º, 2º, 3º e 4º da ESO terán a posibilidade de pasar uns días no campamento xuvenil Ribeira Sacra, que está situado en Quiroga. Este campamento desenvolverase do 6 ao 13 de xullo e terá un custo de 220 por persoa. Neste caso ofrécense 50 prazas.
Debido ao éxito acado nas edicións anteriores, este ano a concellaría de Medio Ambiente volve a organizar o campamento urbano que se desenvolve na Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, desenvolverase do día 7 ao 18 de xullo (de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas). En total, haberá 50 prazas dispoñibles e terá un custe de 50 euros. En tódolos campamentos se reserva un 10% das prazas para casos de emerxencia social.
Prazo de preinscrición
Todos os rapaces que desexen asistir a algún destes campamentos teñen que realizar a correspondente preinscrición a partir do próximo mércores 30 de abril. Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, así como do campamento urbano poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. Para solicitar información sobre o campamento xuvenil Ribeira Sacra deben chamar ao número 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames ofertará 330 plazas de campamentos de verano"




