[04-08-2015] Esta mañá celebrouse unha xuntanza nas oficinas do departamento de Urbanismo para coordinar os traballos que haberá que realizar ao longo desta semana e durante as festas patronais de Bertamiráns, que se celebrarán o venres 7, o sábado 8 e o domingo 9 de agosto. A esta reunión asistiron o concelleiro de Obras e Urbanismo, Blas García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o presidente da comisión de festas, Andrés Núñez, un representante da confraría da Peregrina, o inspector da Policía Local, a aparelladora municipal e un dos encargados da brigada municipal de obras.
Programa das festas
A programación das festas da Peregrina comeza o venres, 7 de agosto, coa festa do porco á brasa. Esta iniciativa gastronómica desenvolverase a partir das 22:00 horas no campo da festa da Peregrina. Haberá música a cargo do dúo Rosán. As persoas que queiran acudir a esta festa terán que adquirir os correspondentes tíckets, de xeito anticipado, nos bares colaboradores e na propia comisión.
O sábado, 8 de agosto, a festa empeza ás 10:00 horas co tradicional lanzamento das 21 bombas de palenque. A ese mesma hora comezarán os pasarrúas a cargo das charangas O Recobio de Vaamonde e Os Atrevidos de Barcala. Ás 12:00 horas haberá un concerto da banda de música de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) na praza da Maía. Media hora despois, ás 12:30 h haberá unha misa onde os rapaces e rapazas celebrarán a súa primeira comuñón. Tralos actos litúrxicos, ás 14:00 horas, celebrarase a sesión vermú a cargo da orquestra Compostela.
Xa pola tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, haberá inchables para os nenos/as no parque da Travesía do Rueiro. Ás 19:00 horas volverán os pasarrúas a cargo das charangas O Recobio de Vaamonde e Os Atrevidos de Barcala. Ás 20:30 celebrarase unha misa con procesión de antorchas e ás 21:30 horas actuará no campo da festa o grupo de baile latino (da man de Estela Dosil). A verbena comezará ás 22:30 horas coa actuación das orquestras Los Satélites e Compostela.
O domingo 9 de agosto a festa tamén empezará ás 10:00 horas co tradicional lanzamento das 21 bombas de palenque. A ese mesma hora comezarán os pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Castros de Ames. Unha hora e media despois, ás 11:30 h realizarase unha actuación de baile na praza de Chavián. Ás 11:00 horas haberá un concerto da banda municipal de Outes na praza da Maía e ás 12:30 h desenvolverase unha misa solemne e a correspondente procesión que estará acompañada pola banda municipal de Outes. A sesión vermú celebrarase a partir das 14:00 horas a cargo da orquestra Poceiro.
Pola tarde, ás 19:30 h, xogarase o XII Trofeo de fútbol Café Don Budi no campo municipal de Bertamiráns, e ás 22:30 horas, comezará a verbena coa actuación das orquestras Poceiro e D´Tacón.
Esta reunión realizouse co obxectivo de coordinar os traballos que hai que realizar dende os diferentes departamentos municipais de cara a celebración das festas da Peregrina que van a ter lugar esta fin de semana en Bertamiráns. Deste xeito, tratáronse varios asuntos como a regulación do tráfico durante estas festas e tamén se falou das diferentes necesidades que solicitaron dende a comisión de festas e dende a confraría da Peregrina.
O Concello de Ames, a través da brigada de obras, xa estivo estes días realizando traballos de acondicionamento na zona do campo da festas e nos seus arredores. Así, estívose achanzando e limpando o campo da festa. Tamén se realizaron traballos de achanzado nun espazo, que está anexo ao propio campo da festa, tapouse cunha reixa un rego que discorre por esta finca, e instalouse unha fonte de auga no campo da festa.