Pestanas principais

O Concello de Ames monta un operativo especial debido á predición de baixas temperaturas e ao risco de nevadas

Martes, 27 de febreiro de 2018

[27-02-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, informa que ten organizado un operativo especial debido á predición de baixas temperaturas e ao risco de nevadas. Dito operativo comezará a funcionar este martes, 27 de febreiro, a partir das 00:00 horas. Para informar de calquera incidencia que haxa pódese chamar ao 112 ou ao número de teléfono 619 767 575 da Policía Local de Ames.

A situación meteorolóxica para a noite deste martes, 27 de febreiro, e a madrugada do mércores, 28 de febreiro, prevese complicada. Por este motivo, debido á predición de baixas temperaturas e ao risco de nevadas, o Concello de Ames ten programado un operativo especial entre as 00:00h e as 06:00 da mañá.

No operativo participarán os axentes da Policía Local de Ames, operarios da brigada municipal de obras e membros da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames, que estarán de garda ao longo da noite para poder atender os diferentes problemas que poidan xurdir polo mal tempo. A empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza, colaborará no operativo botando sal nas estradas en caso de que sexa necesario.

“A última vez que tivemos unha previsión meteorolóxica de baixas temperaturas e risco de nevadas, en Ames chegou a nevar un pouco e aínda que nesa ocasión a neve non chegou a callar, tivemos que cortar finalmente a AG-56. Tendo en conta isto, desde o Concello de Ames preferimos previr e estar preparados por se tivésemos que adoptar algunha medida” apuntou o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Ames se prepara para las bajas temperaturas"