[01-03-2012] O Pazo da Peregrina acollerá mañá venres día 2 de marzo, ás 20,15 horas, unha reunión informativa na que a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, e o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, explicarán ás entidades interesadas os detalles do regulamento que orientará o funcionamento do Rexistro Municipal de Asociacións, aprobado por unanimidade no Pleno do pasado 23 de febreiro co obxectivo de fomentar a participación e o asociacionismo no municipio.
O novo regulamento permitirá actualizar o número de entidades asociativas que teñen a súa sede e exercen a súa actividade no concello de Ames, ademais de coñecer os seus fins e a súa representatividade. Trátase, en definitiva, de mellorar a comunicación entre as asociacións e o Concello cun mecanismo operativo e eficaz. Coa entrada en vigor deste regulamento, poderán obter a inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións aquelas entidades amienses de interese social sen ánimo de lucro, cuxo obxecto sexa a defensa, fomento ou mellora dos intereses xerais ou sectoriais. Actualmente, o rexistro ten inscritas más de 120 asociacións.
As asociacións inscritas terán dereito a recibir axudas económicas do Concello, sempre que o permitan os recursos orzamentarios, e a subscribir convenios de colaboración coa Administración local no desenvolvemento da súa labor. Neste sentido, as entidades inscritas terán dereito a empregar os medios públicos municipais, especialmente os locais e medios de comunicación, sendo responsables do trato dado ás instalacións. Este uso deberá ser solicitado con dúas semanas de antelación e por escrito ao Concello, que deberá autorizalo expresamente.
Aquelas asociacións que non concorran ás convocatorias de subvencións, ou non teñan asinado ningún convenio co Concello, presentarán un orzamento e un plan de actividades anuais. Aquelas que non o fagan en dúas anualidades consecutivas causarán baixa no rexistro.




