Pestanas principais

O Concello de Ames mantén un ano máis a súa colaboración co programa Vacacións en Paz

Martes, 09 de xullo de 2013

[09-07-2013] Un ano máis o Concello de Ames mantén o compromiso e a colaboración co programa Vacacións en Paz, que desenvolve a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A través deste programa tres familias amienses poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Hafdala, Manata e Chabab pasarán os meses de xullo e agosto en Ames. Este ano, unha familia repite experiencia acollendo a un neno saharauí, mentres que as outras dúas familias participan nesta iniciativa por primeira vez. Estes nenos/as xa se atopan coas súas familias de verán para pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas.


O Concello de Ames, a través da concellaría de Benestar Social, colabora un ano máis co programa Vacacións en Paz, levado a cabo pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa responde a un marco de solidariedade e axuda desinteresada para ofrecerlles unha estancia agradable e rica aos nenos/as saharauís e para que coñezan outros xeitos de vida que contribúan á súa formación, pero tamén para potenciar a comunicación e entendemento entre dous pobos, como son o español e o saharauí.

O goberno municipal asinou de novo este ano un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto tres nenos saharauís pasarán as súas vacacións en Ames. A Administración local colabora con este programa achegando unha contía de 890 euros por neno/a para sufragar os billetes de avión.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, destaca “a importancia que ten este programa para que os nenos e nenas so Sáhara poidan pasar unha vacacións tranquilas e divertidas en diferentes localidades galegas”. A edil amiense tamén explicou que “o Concello de Ames mantén o compromiso adquirido coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para que as familias amienses, que así o desexen, poidan acoller todos os anos un neno/a saharauí”.

Hafdala, Manata e Chabab é o nome do neno e das dúas nenas que pasarán o verán en Ames. Hafdala de 11 anos xa leva varios anos sendo acollido pola mesma familia amiense, mentres que as dúas rapazas, Manata e Chabab de 9 anos as dúas, están por primeira ven en España e son acollidas por dúas familias que participan por primeira vez neste programa. Os nenos/as saharauís chegaron a Galicia a pasada fin de semana e volverán para as súas casas a primeira semana de setembro.

Estes nenos e nenas naceron nos campamentos de refuxiados saharauís que existen na zona da Hamada alxeriana en Tindouf. Son fillos dos saharauís que abandonaron de xeito forzoso os seus fogares instalados no territorio do antigo Sáhara español en 1975, e sobreviven hoxe en día grazas á axuda internacional. Soportan temperaturas que superan os 50ºC durante o verán e sofren diversos déficits alimentarios e de asistencia médica.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames mantén un ano máis a súa colaboración co programa Vacacións en Paz"