[20-05-2015] O Concello de Ames solicitará á Xerencia do Catastro a desclasificación da superficie que a Xunta de Galicia xa suprimiu da área empresarial prevista no ámbito de Portanxil-Pegariños. A delimitación do chamado PE de Portanxil correspondíase inicialmente cos terreos do sector S-22 Portanxil-Pegariños, previsto polo PXOM, pero trala alegación do Concello de Ames, a Xunta de Galicia resolveu desclasificar case 60 hectáreas das 108 que abranguía.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, explica que se acordara solicitar a desclasificación dunha área significativa ante a falta de interese por parte dos operadores, públicos ou privados, por desenvolver ese solo industrial, “gravando en exceso” os recibos de IBI que aboan os propietarios dos terreos. “Agora teño o compromiso da Xerencia do Catastro de que se procederá definitivamente á desclasificación desa área en canto o solicitemos, circunstancia que evitará unha tramitación moito máis longa, xa que así non haberá que modificar o PXOM”, segundo destaca o rexedor.
Amor engade que, deste xeito, os recibos do IBI baixarán ostensiblemente, “xa que pasarán a ter como referencia solo rústico en vez de industrial”. E así llelo manifestou aos propietarios e veciños da zona na última xuntanza que mantivo con eles. O alcalde leva tempo celebrando reunións periódicas cos veciños na procura de solucións efectivas: “Comprometinme cos afectados a buscar solucións axeitadas que colmasen as súas demandas, e de feito esta é unha solución parcial, porque seguimos traballando noutras saídas para os demais veciños, pero é un primeiro paso importante”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Amor anuncia el compromiso para rebajar el IBI del suelo de Portanxil"




