[20-08-2011] A brigada de obras do Concello de Ames limpou e acondicionou a área da fonte, o lavadoiro e o muíño da aldea de Castrigo na parroquia de Ortoño. O concelleiro de Acción Parroquial e Rural, Emilio Martínez Carballeira, e o concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfredo Taboada Alvelo visitaron a zona e atenderon así unha antiga petición dos veciños do lugar que “viron como durante os últimos oito anos non se limpou esta zona”, explican os concelleiros. A maiores o Concello tamén limpará outra fonte antiga que levaba anos tapada por herbas e retomará o entubamento dunha ponte situada nesta mesma aldea de Castrigo, unha actuación que Emilio Martínez xa lle solicitara estando na oposición á anterior corporación e da cal “sempre recibín largas” explica.
Os traballos que está a piques de rematar a brigada consisten no desbroce e limpeza da marxe do río que se atopaba practicamente tapado de restrollos. Do mesmo xeito, os traballadores do concello limparon e acondicionaron a fonte, o lavadoiro e os arredores do muíño. Emilio Carballeira tamén atendeu as queixas dos veciños que expresaron o seu malestar porque a iluminación entre o levadeiro e o muíño leva anos sen funcionar; por iso o concelleiro de Acción Parroquial e Rural anuncia que se porá de novo en funcionamento este tramo de iluminación nun corto espazo de tempo.
O goberno amiense ten a intención de potenciar o rural para que vivir nestas zonas sexa un valor e coa finalidade de que as comodidades sexan as mesmas que nas zonas urbanas. O obxectivo da concellería de Martínez Carballeira é prestar máis e mellor atención ás amplas zonas rurais que ten o concello de Ames e nas que vive arredor do 30% da poboación. O edil considera imprescindible que o Concello preste atención ás zonas do rural que son "igual de importantes que as áreas urbanas", por iso se levarán a cabo moitas actuacións coma a da limpeza desta área na aldea de Castrigo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Limpieza e iluminación para la fuente, lavadero y molino de Ortoño, Ames"
La Voz de Galicia: "El Ayuntamiento de Ames inicia un plan de limpieza y cuidado de la zona rural"




