Pestanas principais

O Concello de Ames levou a cabo unha revisión das facturas do subministro eléctrico coa colaboración de Faepac, que permitirá corrixir diversas incidencias detectadas na facturación

Luns, 18 de novembro de 2013

[18-11-2013] O Concello de Ames realizou, a través de Faepac (Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña), un informe sobre a facturación eléctrica do municipio. Neste estudo, elaborado a partir da análise das facturas que recibe o Concello polos distintos puntos de subministro que ten contratados, aprécianse un conxunto de incidencias na facturación. Estas incidencias detectadas no estudo traduciranse na revisión das correspondentes facturas e no conseguinte aforro para as arcas municipais. No informe inclúense as posibles medidas a tomar para acadar un maior aforro e eficiencia enerxética así como os erros detectados na facturación. Para realizar este estudo, o Concello entregou a Faepac un total de 937 facturas do ano 2013 co obxectivo de levar a cabo a súa análise.

Estas facturas foron analizadas tendo en conta distintos factores como as lecturas realizadas en contador, o prezo da enerxía, a potencia contratada, a existencia ou non de penalización reactiva, penalizacións por exceso de potencia e os quilovatios que foron facturados pola empresa subministradora. En base a toda esta información recabada, o Concello levará a cabo unha auditoría enerxética que permitirá acadar aforros na facturación eléctrica anual do Concello de Ames e, polo tanto, a optimización do consumo enerxético.

Cos datos reflectidos por este estudo, o Concello de Ames xa remitiu na última semana unha primeira comunicación a Gas Natural Fenosa, co obxectivo de que se proceda á modificación de determinadas facturas ou á devolución dalgúns importes sinalados.

Da análise da facturación eléctrica, detectase a existencia dunha serie de facturas nas que se cobra penalización por superar a potencia contratada, aínda que iso non sucede. Noutras facturas, inclúense quilovatios que xa foron abonados en recibos anteriores ou non se fai a devolución que correspondería por non acadar a potencia contratada para cada punto de subministro. Segundo o informe, tamén se detectan puntos de subministro onde tanto os períodos de tempo facturados como as lecturas reais reflectidas nas facturas cóbranse en dúas diferentes.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames levou a cabo unha revisión das facturas do subministro eléctrico"
La Voz de Galicia: "El gobierno amiense detecta errores en las facturas de la luz y reclama a Gas Natural"