Pestanas principais

O Concello de Ames levará a Pleno a aprobación definitiva do plan parcial S-15 do Milladoiro

Martes, 26 de marzo de 2013

[26-03-2013] O Concello de Ames está dando os últimos pasos para a aprobación definitiva do plan parcial do sector S-15 Travesía do Porto Sur, no Milladoiro, que conta cunha superficie total de 52.004 metros cadrados e que permitirá dispor nesta zona dunha parcela de máis de 8.000 metros cadrados para usos dotacionais. A aprobación definitiva deste plan parcial, unha cuestión enquistada desde o ano 2009, abordarase no próximo pleno do Concello de Ames. O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que se trata “dunha importante cuestión urbanística que beneficiará ao Milladoiro e que se atopa bloqueada desde hai anos”. O rexedor destacou que esta será a terceira vez que o asunto vai a Pleno e que “agardamos que sexa a definitiva”.

O plan parcial S-15 é un tema bloqueado desde 2009, ano no que o plan aprobado en 2007 polo Concello foi anulado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En 2011, aprobouse un novo plan parcial que tamén foi anulado pola Xunta de Galicia.

 O plan parcial do S-15, que conta cunha superficie total de 52.004 metros cadrados, permitirá dispoñer dunha parcela para a futura ubicación dun novo centro de saúde no Milladoiro. A modificación do Plan Xeral no S-15 permitirá contar nun prazo moi breve cunha parcela de 8.000 metros cadrados para usos dotacionais. Trátase dunha modificación demandada desde hai moito tempo, que, de terse desbloqueado no seu momento, xa se contaría coa parcela para o centro de saúde. O plan parcial mantén substancialmente a ordenación e redacción obxecto de tramitacións anteriores, incorporando variacións que son consecuencia dos cambios normativos. 

O próximo pleno do Concello de Ames, que se celebrará o 1 de abril, abordará aprobación definitiva do refundido deste plan parcial. Unha vez aprobado en pleno, o acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Ademais, darase traslado á Consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Terreno para el centro de salud de O Milladoiro bajo Travesía do Porto"
La Voz de Galicia: "Ames lleva al pleno el plan parcial que desbloquea el solar del centro de salud"