Pestanas principais

O Concello de Ames levará a cabo un conxunto de actuacións no alumeado público do polígono industrial do Milladoiro de cara a mellorar a eficiencia enerxética e reducir o consumo eléctrico

Xoves, 19 de setembro de 2013

[19-09-2013] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de aprobar un proxecto para acometer a mellora da eficiencia enerxética no alumeado público do parque empresarial Novo Milladoiro. Ademais, deuse luz verde ao inicio do expediente de contratación destes traballos, nos que se investirán un total de 46.190 euros. Parte deste investimento correrá a cargo dunha subvención concedida pola Consellería de Economía e Industria ao Concello de Ames.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destaca a importancia desta actuación de eficiencia enerxética “que permitirá acadar unha redución do 42% no consumo anual de enerxía”, xa que se pasará dos 268.800 Kw/h actuais a un consumo de 154.595 Kw/h. O rexedor fixo fincapé tamén en que se rebaixará, tamén de xeito considerable e nun porcentaxe próximo ao 40%, o importe anual da factura deste consumo eléctrico, pasando dos 43.008 euros anuais que costa neste momento aos 24.703 euros que custará unha vez acometidos os traballos. O alcalde comunicoulle a posta en marcha deste procedemento de contratación ao presidente da Asociación de Empresarios do Polígono, Javier Santos.

Coas melloras incluídas neste proxecto, o Concello persegue dous obxectivos. Por un lado, búscase a eficiencia enerxética nas instalacións de alumeado público do parque empresarial para reducir o consumo e a factura eléctrica. Por outra banda, trátase que a calidade da iluminación sexa suficiente para que as empresas radicadas no polígono poidan ter un servizo de iluminación axeitado, que aporte funcionalidade e seguridade ao entorno. Para isto, substituíranse as lámpadas existentes por outras de potencia inferior, instalaranse novos balastros e colocaranse redutores de fluxo. En total, o sistema de iluminación do parque empresarial conta cun total de 267 luminarias montadas sobre 215 soportes.

Para determinar as actuacións a realizar, a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña realizou un informe sobre o estado da iluminación no polígono do Milladoiro. Deste xeito, determinouse a posibilidade de substituír as lámpadas por outras de menor potencia, empregando lámpadas de 150 ou 70 vatios.

Ademais da substitución de lámpadas, tamén se acometerá a instalación de novos balastros ou equipos de alimentación que serán de tipo electromagnético. Por último, colocaranse redutores de fluxo en dous cadros de mando do polígono que aínda non contaban con este dispositivo, que incorpora estabilización de tensión.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames ahorrará el 40 % del gasto de iluminación en NovoMilladoiro"