[25-09-2014] O goberno municipal, reunido en Xunta de Goberno Local, aprobou o inicio do expediente de contratación de varias obras que están incluídas no plan provincial DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos”, que está dotado de 277.770,78 euros. A través deste plan o Concello de Ames levará a cabo varias obras de reparación de camiños e pistas que se consideran de vital importancia para a cidadanía amiense. O Concello de Ames dedicará o 100% desta contía a execución destes seis proxectos.
O goberno municipal, reunido en Xunta de Goberno Local, aprobou o inicio do expediente de contratación de varias obras que están incluídas no plan provincial DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos”, que está dotado de 277.770,78 euros. A través deste plan o Concello de Ames levará a cabo varias obras de reparación de camiños e pistas que se consideran de vital importancia para a cidadanía amiense.
O Concello de Ames dedicará o 100% desta contía a execución destes seis proxectos. Un dos proxectos é a reparación do camiño, que vai dende Ponte Lapido ata A Tarroeira (Ortoño). Esta obra consiste na mellora da capa de rodaxe deste camiño, para mellorar o tránsito pola devandita estrada, tanto dos vehículos coma dos peóns. Neste proxecto tamén se inclúe a reparación dun muro de contención, que está en estado de derrubamento no lugar de Castiñeiro do Lobo, e a reparación da rúa Rueiro e da rúa Arrucheiro, ambas situadas na localidade de Bertamiráns. Este proxecto conta cun orzamento de 36.777,94 euros.
Outro dos proxectos que se inclúen neste plan é a reparación do cruce do camiño que vai do Milladoiro a Ventín. Esta actuación é moi importante, xa que afecta a unha vía de entrada cara o CEP de Ventín, que conta cun gran volume de tráfico no momento en que o alumnado entra e sae do centro educativo. Esta obra tería un custo de 63.253,11 euros.
Neste plan provincial tamén está incluído o proxecto de reparación do camiño que vai dende o lugar da Mámoa ata a praia fluvial de Tapia. Esta obra consiste na reparación do viario co correspondente tratamento asfáltico superficial. Ademais, neste proxecto inclúese a reparación do camiño transversal que discorre polos lugares de Capeáns, Covas e A Igrexa, na parroquia de Covas, así como a reparación interior en Quistiláns.
Estas obras, que contan cun orzamento de 30.422,95 euros, mellorará a seguridade viaria das devanditas estradas, dando resposta ás necesidades dos veciños da zona.
Reforma da estrada que vai da rúa do Pedregal á rotonda de Poeta da Maía
No tocante ó proxecto de reforma da estrada que vai dende a rúa do Pedregal ata a rotonda de Poeta da Maía, en Bertamiráns, realizarase unha mellora da capa de rodaxe deste viario. Así mesmo, reporanse as beirarrúas en dous treitos con bordo de formigón e baldosa de formigón vibrado. Antes de reparar o pavimento contémplanse a colocación de varias canalizacións para o saneamento, a recollida de pluviais, as liñas eléctricas, de comunicacións e de iluminación pública. Neste proxecto tamén se contempla a colocación da sinalización horizontal e o pintado de liñas en bordes, símbolos, pasos de peóns e isletas. A actuación dará resposta a un problema de seguridade peonil existente nesta zona situada en pleno núcleo urbano de Bertamiráns. Este proxecto conta cun orzamento de 66.322,97 euros.
O proxecto de reparación do camiño paralelo ao campo de fútbol de Bertamiráns cara o lugar de Castrigo consiste na reparación do devandito camiño, pero ademais inclúe outra obra que é a reparación do camiño da Tarroeira, situado na parroquia de Ortoño, que consiste na mellora da capa de rodaxe deste viario. Esta obra, que conta cun presuposto de 35.298,62 euros, facilitará o transito dos vehículos cunhas condicións idóneas de seguridade.
Por último, o proxecto de reparación do camiño que vai dende o lugar de Piñor ata A Garea, na parroquia de Agrón, consistirá na mellora da capa de rodaxe do devandito camiño e a colocación da correspondente sinalización horizontal. Esta actuación mellorará a seguridade viaria, tanto de peóns coma de vehículos, dando resposta ás necesidades da zona. Este proxecto conta cun orzamento de 45.695,19 euros.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames aprueba la reparación de caminos por valor de 277.770 euros"




