[24-05-2012] As concellarías de Voluntariado e Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, organizan unha excursión para asistir á xuntanza da terceira idade que terá lugar o próximo sábado 9 de xuño. Todas as persoas que desexen asistir a esta xuntanza poderán pasar unha xornada coñecendo o Carballiño, participar en obradoiros e xogos populares, gozar da actuación de grandes orquestras, así como desgustar unha saborosa comida. O custe da comida correrá a cargo de cada persoa que participe nesta excursión. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes 5 de xuño. A inscrición pódese realizar chamando ao número de teléfono 662 377 044 pertencente á Oficina de Voluntariado de Ames, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
As fins de semana de primavera acompañadas de bo tempo invitan a pasar as xornadas ao aire libre. Así, o Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, organiza unha excursión ao Carballiño para asistir á xuntanza da terceira idade. Alí, as persoas maiores pasarán o día de xeito entretido realizando diversas actividades e conversando entre eles. A xuntanza da terceira idade é xa un clásico en Galicia. O Concello de Ames aproveita esta circunstancia para organizar unha actividade dedicada aos máis vellos e achégaos ata o Carballiño para que gocen desta romaría.
Reunirse, reflexionar e conversar entre eles, ademais de poder participar en obradoiros e xogos tradicionais, son algunhas das actividades que se poderán facer neste encontro. Este é un momento para pasalo ben, e para iso realizaranse obradoiros de malabares, de olaría e doutras actividades tradicionais que co paso do tempo se foron esquecendo, pero que a xente de máis idade si coñece.
Tamén poderán participar nos xogos tradicionais galegos coma a estornela. Logo chegará a quenda para o xantar, no que se poderá desgustar churrasco, polbo e carne ao caldeiro. O custe da comida correrá a cargo de cada persoa que participe nesta excursión. Tras a comida, que será nunha carballeira, as persoas asistentes gozarán coa música dalgunha orquestra galega.
A Xunta de Galicia porá á disposición de todos os veciños e veciñas de Ames varios autobuses, que sairán da Casa da Cultura do Milladoiro e da Praza do Concello de Bertamiráns. Os participantes terán que aboar 3 euros ao subir ao autobús en concepto de axuda ao servizo de transporte. Prégase levar o importe xusto para pagar no momento de subir.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes 5 de xuño. A inscrición pódese realizar chamando ao número de teléfono 662 377 044 pertencente á Oficina de Voluntariado de Ames, en horario de 10:00 a 14:00 horas.




