Pestanas principais

O Concello de Ames leva a cabo un plan de revisión do estado de 28 parques infantís do municipio

Xoves, 09 de maio de 2013

[09-05-2013] O Concello de Ames puxo en marcha un programa de revisión dos parques infantís do municipio co obxectivo de comprobar o estado no que se atopan estas áreas recreativas e solucionar os problemas puntuais que presentan. Durante esta semana, membros do Goberno municipal e técnicos da Concellería de Vías e Obras do Concello de Ames percorreron os 28 parques infantís situados tanto na zona do rural como nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro para examinar o seu estado.

Os parques infantís que se revisaron están localizados en Ames, Biduído, Bertamiráns, Covas, Milladoiro, Ortoño, Trasmonte e Piñeiro. No marco deste plan de revisión comprobouse o estado que presentan os peches das áreas recreativas, o seu pavimento e os xogos infantís. Ao mesmo tempo que se comprobou a situación na que se atopaban estes elementos, fóronse repoñendo pezas e arranxando as que se encontraban en mal estado.

Neste ano, unha brigada, sufragada a través do Plan Provincial de Emprego da Deputación Provincial da Coruña, levou a cabo o acondicionamento dos parques infantís municipais e nestes pasados días xa se realizaron labores de reposición no pavimento de diferentes áreas recreativas, uns traballos que continuarán nas vindeiras datas. De feito, nos últimos días acometeuse a reparación de dous parques infantís situados no núcleo do Milladoiro: o da Praza de Correos e o da rúa Estivada de Castelao. Nestas dúas áreas recreativas levouse a cabo a reparación das lousas de caucho do pavimento dos parques, arranxándoas e volvendo a colocalas de novo.

No Concello de Ames hai un total de 28 parques infantís. Estas zonas de xogo é necesario acondicionalas para que estean en condicións para a súa utilización. O obxectivo do Concello de Ames é acometer as actuacións necesarias para que poidan ser empregados por todos os nenos e nenas que así o desexen.