[15-05-2012] O Concello de Ames quere poñer de manifesto que foi o anterior Goberno municipal o que, o pasado 10 de xuño de 2011, só un día antes da toma de posesión da actual Corporación, asinou un contrato coa empresa concesionaria para a xestión do padrón da taxa de residuos. O Goberno municipal facilitará o pago fraccionado das cantidades ata en doce meses.
O Concello de Ames quere poñer de manifesto que foi o anterior Goberno municipal o que, o pasado 10 de xuño de 2011, só un día antes da toma de posesión da actual Corporación, asinou un contrato coa empresa concesionaria para a xestión do padrón da taxa de residuos.
Neste momento, a actual Corporación municipal está dando continuidade, tal e como establece a lei, a ese procedemento iniciado en 2011. No contrato asinado coa empresa concesionaria do servizo, o anterior Goberno socialista outorgaba á compañía o 4,35% (ive incluído) do principal por todos os cobros realizados en período voluntario da taxa relativa aos residuos sólidos urbanos.
O Concello de Ames quere amosar o seu “asombro” pola reacción do PSOE ante as notificacións enviadas aos usuarios nos últimos días con cartas informativas para a correcta regularización da súa situación ao respecto da taxa de recollida de lixo. Non se entende esta reacción, tendo en conta que foi a anterior Corporación, cun alcalde socialista á fronte, a que puxo en marcha este procedemento e acordou na Xunta de Goberno Local celebrada o 27 de abril de 2011 o expediente de contratación para a actualización do padrón, que foi ratificado coa sinatura do contrato o 10 de xuño dese mesmo ano.
O Goberno municipal quere subliñar, ademais, que se facilitará o fraccionamento das cantidades ata en doce meses.
Reunións informativas
Nestes momentos, o Goberno municipal está levando a cabo reunións cos veciños das diferentes parroquias do municipio, coa fin de ofrecer charlas informativas ao respecto das taxas de recollida de lixo. A primeira das reunións foi onte, no Local Social de Agrón.
Na xornada de hoxe, a charla informativa celebrarase no Local Social de Tapia, tamén ás 20,30 horas. O mércores 16 de maio será a quenda da parroquia da Ameixenda. A reunión será no Local Social ás 20,30 horas. Na seguinte semana, a primeira das reunións será cos veciños da parroquia de Ames. O encontro será o luns, 21 de maio, ás 20,30 horas no Local Social de Augapesada. Por último, o martes 22 a charla será á mesma hora no Local Social de Bugallido.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El PP dice que fue el PSOE el que inició el procedimiento de la basura"




