Pestanas principais

O Concello de Ames lanza a campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!”

Luns, 13 de xullo de 2020

A Concellaría de Promoción Económica, en colaboración coas asociacións de empresarios e comerciantes do municipio, retoma a campaña para fomentar o comercio de proximidade denominada Comercio de Ames. Témolo todo! A través de dita iniciativa preténdese que a veciñanza de Ames merque nos establecementos comercias do municipio. O Concello comezou este luns a repartir 6.000 bolsas entre os establecementos comerciais, para que repartan entre a súa clientela o venres 17 e o sábado 18 de xullo. Ademais, para darlle visibilidade a esta iniciativa colocáronse os carteis da campaña nos minipuntos limpos que están situados nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, volve a lanzar a campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!”. Esta campaña comezou a comezos do pasado mes de marzo, pero debido ao estado de alarma declarado pola crise sanitaria da Covid-19 houbo que suspendela. Agora retómase co reparto de 6.000 bolsas co lema da campaña que están repartindo entre os establecementos comerciais do municipio.

Este luns 13 de xullo estase facendo o reparto entre os comercios do Milladoiro, e mañá martes 14, farase entre os establecementos comerciais de Bertamiráns. O mércores rematarase o reparto. Os comercios entregaranlle as bolsas á clientela que merque en Ames o venres 17 e o sábado 18 de xullo. Precisamente, a fin de semana do 17 e 18 de xullo comeza unha campaña de dinamización cultural e comercial da que se dará conta os próximos días.

Lémbrase que os establecementos comerciais que non reciban as bolsas durante este luns ou martes, deben poñerse en contacto coa Concellaría de Promoción Económica a través do correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal e seranlle entregadas antes do venres 17.

A través desta campaña preténdese que os veciños e veciñas de Ames merquen nos establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro, xa que segundo se indica na campaña en ditos establecementos pódense atopar produtos, que van dende roupa e calzado ata artesanía, entre outros moitos sectores. Para darlle visibilidade a esta iniciativa colocáronse os carteis da campaña nos minipuntos limpos que están situados nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “é unha campaña para tratar de que a veciñanza de Ames se quede no concello para facer as súas compras nos establecementos locais. Agora máis que nunca é o momento de apoiar ao comercio local”.

A concelleira remata dicindo que “en Ames podemos atopar de todo, por iso temos que poñer en valor o comercio local. Se mercamos en Ames iso tamén repercutirá na economía local, xerando postos de traballo e facendo que as empresas e comercios do concello medren”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames promociona su comercio con el lema «Témolo todo!»"

Lindeiros: "Ames lanza unha campaña de apoio ao comercio"

Compostela 24 horas: "Ames lanza a campaña Comercio de Ames. Témolo todo!"

Lindeiros: "A Concellaría de Promoción Económica de Ames, en colaboración coas asociacións de empresarios e comerciantes, retoma a campaña para fomentar o comercio de proximidade denominada Comercio de Ames. Témolo todo!."

Cartel da campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!”

Multimedia

  • Cartel da campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!”