Pestanas principais

O Concello de Ames invita ás familias do municipio a acoller nenos saharauís a través do programa Vacacións en Paz

Xoves, 04 de decembro de 2014

[04-12-2014] No verán de 2015, un grupo de nenos e nenas saharauís volverán pasar as súas vacacións con familias de Ames. Un ano máis, o Concello, a través da Concellería de Benestar Social, renovará o seu convenio e colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para o desenvolvemento do programa Vacacións en Paz. Todas aquelas familias amienses interesadas en acoller a algún destes rapaces nos meses de xullo e agosto de 2015 poden poñerse en contacto do departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 662 371 079. Este departamento informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso Concello.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, destaca “a importancia que ten este programa para que os nenos e nenas do Sáhara poidan pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas”. A edil amiense tamén explicou que “o Concello de Ames mantén o compromiso adquirido desde hai unha década coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, incrementando nos últimos anos o número de nenos que pasan o verán en Ames”.

A través deste programa as familias de Ames poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven unha situación moi difícil nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes nenos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa a súa formación.

O Concello actúa de mediador entre as familias amienses e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada neno/a que ten un custo de 890 euros.

Todas aquelas familias amienses interesadas en acoller a algún destes rapaces nos meses de xullo e agosto de 2015 poden poñerse en contacto do departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 662 371 079. Este departamento informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso Concello. As persoas interesadas deben darse présa xa que o tempo para apuntarse nesta iniciativa estase esgotando.

Os nenos e nenas que pasarán os meses de xullo e agosto en Ames naceron nos campamentos de refuxiados saharauís que existen na zona da Hamada alxeriana en Tindouf. Son fillos dos saharauís que abandonaron de xeito forzoso os seus fogares instalados no territorio do antigo Sáhara español en 1975, e sobreviven hoxe en día grazas á axuda internacional. Soportan temperaturas que superan os 50ºC durante o verán e sofren diversos déficits alimentarios e de asistencia médica.