Pestanas principais

O Concello de Ames inviste unha partida de 66.000 euros para mellorar diferentes equipamentos nos colexios amienses

Luns, 21 de abril de 2014

[21-04-2014] O Concello de Ames está executando varias obras nos centros de ensino amienses nos que se investiu unha partida de 66.039 euros. Algúns dos traballos xa se realizaron, mentres que outros aínda están pendentes de executar. Estas actuacións estanse acometendo nos colexios de Barouta, A Maía e Agro do Muíño; nas escolas unitaria de Bugallido, A Tarroeira e Agrón; nos comedores do CEIP da Maía e do CEIP Agro do Muíño; e na escola infantil municipal do Bosque. Estas obras enmárcanse dentro dun convenio que asinou o Concello de Ames coa Deputación da Coruña. Deste xeito, o organismo provincial sufraga o 80% do custo destas obras, mentres que o Concello de Ames achega o 20% restante. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou esta mañá as obra que se acometeron nestes colexios.

O Concello de Ames asinou dous convenio coa Deputación Provincial da Coruña para realizar obras nos colexios e nos comedores do Concello de Ames, así como para executar obras de mantemento na escola infantil municipal do Bosque. Os traballos de mantemento dos colexios e dos comedores teñen un custo de 50.476 euros, mentres que nas obras de mantemento da escola infantil O Bosque investiranse 15.563 euros. A Deputación da Coruña sufraga o 80% do custo destas obras, mentres que o Concello de Ames achega o 20% restante.

O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, explica que “aproveitando as vacacións de Semana Santa o Concello de Ames realizou varias obras de reparación e acondicionamento nos centros de ensino do municipio. Estes traballos era preciso facelos durante un período de tempo no que non houbese clases para molestar o menos posible ao alumnado e aos profesores/as”.

Deste xeito, durante as últimas semanas estivéronse executando varios traballos nos colexios de Barouta, A Maía e Agro do Muíño; nas escolas unitaria de Bugallido, A Tarroeira e Agrón; nos comedores do CEIP da Maía e do CEIP Agro do Muíño; e na escola infantil municipal do Bosque. Moitas das obras executadas están dirixidas a mellorar a seguridade dos alumnos/as máis pequenos coa instalacións de elementos de seguridade como pasamáns nas escaleiras interiores dos centros.

No CEIP de Barouta executáronse cinco actuacións entre as que destaca a instalación dun automatismo para o portalón corredeira existente que permite a apertura e peche de xeito automático. Outra das actuacións realizadas neste centro de ensino foi a colocación dun pasamáns metálico na escaleira interior. Tamén se colocou unha mampara composta por dúas chapas de aluminio que permitiu delimitar o almacén do colexio. Outras das actuacións realizada foi a colocación de pavimento de lousas de cortiza na aula de música. Por último, queda pendente de executar a reparación das varandas que están situadas no pórche do alumnado de educación infantil.

No CEIP da Maía realizáronse un total de oito actuacións a través das cales se instalou un pasamáns metálico na escaleira interior do centro; reparouse a cuberta do edificio de infantil xa que estraba auga na aula de audiovisuais; reparáronse as ventás do edificio de educación infantil pola fachada sur; reparouse o canelón de chapa do patio de educación infantil; procedeuse o selado das ventás do edificio de educación primaria; montouse unha mampara composta por dúas chapas de aluminio para facer un almacén debaixo das escaleiras do edificio de primaria; reparouse o pavimento das baldosas do terrazo do patio; e limpouse o canal de pluviais da pista polideportiva pequena.

No comedor do comedor do CEIP A Maía reparouse a rede de augas fecais. Ademais, de cara ao verán está previsto cambiar o pavimento do comedor deste centro de ensino. Estes traballos terán que realizarse unha vez finalice o curso escolar xa que durante a Semana Santa estas instalacións foron utilizadas polos rapaces e rapazas que participaron na Primavera Lúdica.

No CEIP Agro do Muíño desenvolvéronse catro actuacións durante estes días. Unha delas foi a reforma e posterior colocación do portalón que permite o acceso e saída de vehículos no centro. A través desta actuación cambiouse a apertura de abatible a corredeira. Esta obra era unha das máis demandadas pola comunidade educativa do CEIP Agro do Muíño, polo que deste xeito dáse cumprimento ao compromiso adquirido polo goberno municipal coa dirección deste colexio. Outras actuacións foron a apertura dun oco na parede que comunica a zona de lavado e o comedor deste colexio; o arranxo dunha persiana do comedor; e a instalación dunha pantalla con reflector.

Melloras nas escolas unitarias e na EIM O Bosque
Nas escolas unitarias tamén se realizaron unha serie de actuacións. Na escola de Guimaráns, pertencente á parroquia do Bugallido, procedeuse a colocación de varios emisores térmicos co seu correspondente programador dixital. Na escola da Tarroeira, que está situada en Ortoño, reformouse a instalación eléctrica (instaláronse tomas de corrente novas, chaves de acendido e protexéronse os cadros) e pintouse a fachada da escola. Na escola unitaria de Agrón vaise a reparar a cuberta de tella, pero está obra terá que executarse durante o verán cando remate o cursos escolar. Por último, na escola infantil municipal O Bosque, que está situada en Bertamiráns, realizáronse traballos de mantemento para mellorar o sistema de calefacción e está pendente de executar a reparación das fachadas do edificio.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Convenios con la Diputación para obras en los colegios de Ames y A Laracha"
La Voz de Galicia: "Destinan 66.000 euros a mejorar varios centros educativos amienses"