- Tematica
O Concello de Ames, a través de Augas de Ames, realizou ao longo do ano 2025 un investimento total de 393.082,34 euros en actuacións de mellora das redes de saneamento, drenaxe pluvial e abastecemento de auga no núcleo do Milladoiro e no conxunto do concello de Ames. Estas intervencións tiveron como obxectivo reforzar a calidade, a seguridade e a fiabilidade dos servizos básicos relacionados co ciclo integral da auga.
No Milladoiro, executáronse obras por valor de 115.500 euros, realizadas directamente con persoal propio de Augas de Ames. Entre as actuacións máis destacadas atópanse a corrección das conexións incorrectas de baixantes pluviais, a renovación de tramos da rede de saneamento deteriorados, melloras na rede de abastecemento mediante a instalación de novas válvulas e cruces de rede, así como a colocación de novas bocas de rega na zona humanizada da N-550. Estas actuacións permitiron reducir o risco de inundacións, optimizar o funcionamento das redes e facilitar o mantemento dos espazos públicos.
O alcalde de Ames e presidente da empresa pública, Blas García, sinala que a EPEL naceu para isto, para reinvestir o beneficio da prestación do servizo da auga no propio concello: ”Este importe que Augas de Ames vén de destinar a estas actuacións sería parte do beneficio dunha empresa privada se non houbésemos municipalizado esta prestación. A seguinte gran actuación a levar a cabo é a desconexión do Milladoiro da rede de abastecemento de Santiago e conectala á de Ames, o que nos permitirá aforrar arredor de 40.000 euros ao mes”.
No mesmo senso o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que estas actuacións suporán unha mellora importante para o núcleo máis grande do concello pois “coa instalación antiga, ante calquera incidencia era necesario cortar a auga en todo O Milladoiro; agora somos capaces de sectorizar a rede, minimizar o impacto e reducir de xeito significativo as molestias á veciñanza”.
O Concello de Ames, a través da súa entidade pública Augas de Ames EPEL, realizou contratacións públicas para a realización de investimentos na rede (CIA) que supuxeron un importe de 277.582,34 euros, dos cales 203.354,35 euros corresponderon a actuacións realizadas mediante contratos menores e 74.227,99 euros a unha obra executada por licitación pública no núcleo de Ventín.
Durante o ano 2025 leváronse a cabo reparacións e substitucións de colectores de saneamento e pluviais, instalación de novos sumidoiros e melloras na drenaxe urbana en distintos puntos do termo municipal.
Especial relevancia tivo a obra realizada en Ventín, que permitiu a instalación dunha tubaxe de pluviais de gran diámetro, mellorando notablemente a evacuación das augas de choiva e reducindo os episodios de inundación, cun impacto positivo tanto para a veciñanza como para a contorna do colexio da zona.
O conxunto destas actuacións tradúcese en importantes beneficios para a cidadanía, como a mellora da seguridade sanitaria e ambiental, a redución das inundacións, unha maior fiabilidade das redes, menor impacto das avarías e a modernización xeral das infraestruturas hidráulicas municipais.
Dende Augas de Ames, a xerente Genma Otero destacou que “este investimento supón unha actuación estratéxica que contribúe a consolidar un sistema de saneamento e abastecemento máis eficiente, sostible e preparado para dar resposta ás necesidades actuais e futuras do municipio de Ames”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames minimiza o impacto dos cortes de auga no Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Ames invirtió 393.000 euros en la red de agua, buena parte en O Milladoiro"
Xornal de Compostela: "Ames investiu máis de 393.000 euros na mellora das redes de auga, saneamento e drenaxe ao longo de 2025"







