Pestanas principais

O Concello de Ames inviste máis de 300.000 euros na mellora dos pavillóns polideportivo do Milladoiro e Bertamiráns

Venres, 13 de xullo de 2018

[13-07-2018] A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar este xoves, 12 de xullo, o proxecto que inclúe o cambio do pavimento do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Esta obra, que foi adxudicada á empresa Medulio Servicios y Obras SL por un importe de 73.198,95 euros, será sufragada con cargo ao plan complementario do plan provincial de acción social (PAS). Asemade, hai 15 días, o pasado 28 de xullo adxudicouse estes mesmos traballos pero no pavillón do Milladoiro. Neste caso o contrato foi adxudicado por un importe de 65.339,27 euros. Na actualidade estanse executando obras de ampliación das dúas instalacións deportivas por valor de 155.941,12 euros e o arranxo dos teitos de ambos pavillóns por máis de 13.000 euros. Deste xeito vanse investir 307.479,34 euros na mellora de ditas instalacións deportivas.

Este xoves, 12 de xullo, pola mañá a Xunta de Goberno Local adxudicou o proxecto que inclúe o cambio do pavimento do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Esta obra, que foi adxudicada á empresa Medulio Servicios y Obras SL por un importe de 73.198,95 euros (IVE incluído), será sufragada con cargo ao Plan complementario do plan provincial de acción social (PAS). Dita actuación executarase nunha superficie de 1.210 metros cadrados co obxectivo de instalar un novo pavimento de madeira axeitado para a alta competición en deportes como o baloncesto, fútbol sala, balonmán, voleibol e patinaxe.

Ademais, hai quince días, o pasado 28 de xuño, aprobouse a adxudicación do contrato para a subministración e instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro. Este proxecto, que será sufragado con cargo ao POS+ complementario de 2017, foi adxudicada á empresa Medulio Servicios y Obras SL. Esta obra terá un custo de 65.339,27 euros (IVE incluído). A superficie na que se actuará será de 1.101,38 metros cadrados. O pavimento actual é unha soleira de formigón pintada. As actividades que se desenvolven nel son, principalmente, de índole deportiva: fútbol sala, baloncesto, voleibol, baile, etc. A soleira de formigón non reúne as condicións esixidas para a práctica de ditos deportes.

O goberno municipal xa se reuniu coa empresa adxudicataria de ambos proxectos para falar sobre o inicio destas obras, que comezarán na semana do 23 de xullo no Milladoiro, para a continuación pasar ao pavillón de Bertamiráns. O obxectivo é poder realizar estes traballos durante os meses de xullo e agosto, para que ditos pavillóns estean en condicións de poder ser usados de cara ao mes de setembro coincidindo co inicio das actividades deportivas. Deste xeito, instalaranse dous pavimentos de madeira que son a mellor opción para a práctica das diferentes modalidades deportivas.

Ampliación dos pavillóns municipais
Estas obras súmanse ás que se están executando para a ampliación de ambos os dous pavillóns de deportes. Na actualidade a ampliación do pavillón do Milladoiro xa está practicamente rematada por un importe de 58.145,80 euros (IVE incluído). Este proxecto recolle a ampliación en 200 metros cadrados co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio. A ampliación terá unha planta rectangular, de dimensións de 10x20 metros, cun dos pechamentos xa construídos ao estar anexado ao edificio existente.

Este novo espazo permitirá o desenvolvemento de actividades que agora se realizan na Casa da Cultura ou mesmo no instituto así como ampliar á práctica de novas actividades deportivas que se están deseñando para o curso 2018-19. Para o financiamento desta obra, o goberno municipal conseguiu unha subvención nominativa da Deputación da Coruña, para financiar o 80% de ditas actuacións, mentres que o Concello asume o 20% restante. Asemade, neste pavillón ampliouse a sala de spinning existente e mellorouse o equipamento deportivo de baloncesto.

Construción dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta
Asemade, na actualidade estase executando o proxecto que recolle a construción dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta no pavillón de Bertamiráns. Esta obra foi adxudicada á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por un importe de 97.795,32 euros (IVE incluído). A pista de squash que se está construíndo no pavillón polideportivo de Bertamiráns será a primeira pista municipal onde se poderá practicar esta modalidade deportiva. Coa construción desta instalación preténdese promocionar este deporte dentro da área de influencia de Bertamiráns, despois do acordo adoptado coa Federación Galega de Squash. Ademais, esta pista vaise aproveitar nun futuro próximo para incorporar o squash nas escolas deportivas municipais.

O novo ximnasio tamén permitirá o desenvolvemento de numerosas actividades como aerozumba, ximnasia, ballet, predeporte e pilates, podendo incrementar o número de usuarios e usuarias nestas modalidades deportivas, que contaban con menor número de usuarios na actualidade ao estar acoutado o espazo deportivo. A nova pista de squash e mailo novo ximnasio estanse construíndo de forma anexa ao actual pavillón municipal cun acceso tanto interior como exterior. O proxecto recolle a construción dun espazo de 206,54 metros cadrados dos cales a superficie útil será de 164,73 metros cadrados. A pista de squash contará con 62,40 metros cadrados, mentres que o ximnasio dispoñerá dunha superficie de 102,33 metros cadrados.

Por último, durante as próximas semanas de xullo executaranse obras de acondicionamento das cubertas dos pavillóns de Bertamiráns e Milladoiro por un importe total de reparación de13.398,94 euros. As obras pretenden dar solución aos problemas de filtrado de auga que tiveron lugar ao longo do presente curso e que os temporais de choiva do inverno agravaron notablemente. O Concello pretende que estes traballos se leven a cabo na semana próxima do 16 de xullo e previos á instalación dos pavimentos deportivos.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explicou que “a mellora das instalacións deportivas é unha prioridade para este goberno ante a pouca influenza que tivo no pasado. Con estas actuacións imos a dar cumprimento a un dos compromisos mais lonxevos de anteriores lexislaturas e que os clubs de Ames estaban esperando con ansiedade”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las mejoras en los polideportivos de Bertamiráns y Milladoiro suman 300.000 euros"
El Correo Gallego: "Ames inviste máis de 300.000 euros na mellora de dous pavillóns"
Compostela 24 Horas: "Ames inviste máis de 300.000 euros na mellora dos pavillóns deportivos de Bertamiráns e Milladoiro"