[29-03-2018] O goberno municipal de Ames ten programada a realización dunha serie de obras de saneamento, abastecemento e pluviais ao longo do 2018. Un total de 11 proxectos, que teñen un custo de 186.167,78 euros, executaranse nas parroquias de Ortoño, Ameixenda, Agrón, Ames, Bugallido e Biduído con cargo ao canon da empresa concesionaria e a fondos propios. A maioría destas obras enmárcanse dentro do acordo asinado coa Federación de Asociacións do Rural, polo que se van a investir 150.000 euros (corresponden ao 2017) para sufragar ditos proxectos. Outras dúas obras nas parroquias de Bugallido e Ortoño, por valor de 140.302,19 euros, serán realizadas a través do mantemento correctivo polo que asume directamente a empresa concesionaria, tal e como fixa o contrato asinado.
Neste ano 2018, o Concello de Ames porá en marcha un conxunto de traballos de saneamento, abastecemento e pluviais. Destes, a maioría realizaranse co canon da empresa concesionaria e con fondos propios, investindo un total de 186.167,78 euros. Estas obras forman parte do acordo asinado o pasado ano no mes de febreiro coa Federación de Asociacións do Rural, segundo o que se ían a investir 150.000 euros en proxectos de saneamento, pluviais e abastecemento.
As obras financiadas co canon e con fondos propios, que ascenden aos 186.167,78 euros, son en total 11. Así, estes traballos inclúen a construción da canalización de pluviais e dunha senda en Lapido, na parroquia de Ortoño, por un montante de 35.293,54 euros; así como as obras de saneamento en Sura, na Ameixenda, por un total de 26.185,37 euros. A conexión do saneamento na Ponte Maceira, en Agrón, tamén está incluída nesta partida, cun custe de 17.802,04 euros.
A execución das acometidas eléctricas dos bombeos (EBAR) das Novais e de A Garea, ambas en Agrón, supoñen respectivamente un investimento de 23.000€ e de 6.000 euros. Neste caso, as obras son de especial relevancia, xa que estes saneamentos levaban xa varios anos construídos, mais sen poder entrar a funcionar por non estar contemplada no proxecto a acometida eléctrica. Con esta obra, finalmente poderanse pór en servizo.
As obras complétanse cos traballos de execución da rede de saneamento e bombeo en Castelo, na parroquia de Ames, por 20.130 euros; e cos que se realizarán en Maguxe, Ortoño, por 26.505,81 euros. En Outeiro, Bugallido, tamén se porán en marcha obras de ampliación da rede de saneamento, o que suporá uns custes de 13.921,16 euros. A ampliación da rede de saneamento de Quintáns, na parroquia de Ames, implicará, pola súa banda, un gasto de 23.941,21 euros. Por último, neste 2018, tamén se abordarán as ampliacións das redes de saneamento no lugar de Outeiro, Ames, por 18.682,19 euros, e maila canalización da fonte de Ventín, en Biduído, por 10.000 euros.
Obras de mantemento correctivo
As obras de mantemento correctivo son aquelas que xa están realizadas, pero precisan dun arranxo ou mellora. No 2018, o Concello de Ames vai realizar dúas delas, unha na EDAR de Sisalde e outra no lugar de Tarrío. Na depuradora, a obra que haberá que executar consiste na construción dun pozo de grosos orientado a mellorar o rendemento da liña de pretratamento da citada EDAR. Trátase dun problema debido a súa saturación, que vén derivado do proxecto inicial, e que é necesario solucionar agora debido ao incumprimento da Xunta de Galicia de ampliación da citada depuradora. Esta obra na EDAR de Sisalde, en Ortoño, ascende aos 80.725,68 euros.
En Tarrío, polo seu lado, investiranse 59.576,51 euros na mellora da rede de abastecemento, a cal sufriu varias avarías nos último anos. Para poder solucionalos houbo que realizar varios cortes de auga. Estas contías non son aboadas polo Concello, senón que fan parte do contrato asinado coa concesionaria, mediante o cal esta debe asumir unha cantidade anual en mantementos correctivos. Entre as dúas obras, a concesionaria aboou 140.302,19 euros.
Ampliación de novas redes de saneamento e abastecemento
Alén destes investimentos, o Concello de Ames está a estudar conxuntamente coa empresa concesionaria a ampliación de novas redes de saneamento e abastecemento, como as do lugar de Lens ou as da parroquia de Piñeiro. Ademais, nos orzamentos do 2018, está prevista a realización dun investimento de 200.000 euros, cuxo destino será acordado, na súa maioría, coa Federación de Asociacións do Rural e coas diferentes asociacións veciñais.
De igual maneira, xa están previstas e adxudicadas varias obras que se farán con cargo aos plans provinciais. Estas obras incluirán os saneamentos dos lugares de Castrigo, Ventosa e Portanxil e o abastecemento de Guimaráns.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Sociais destaca o investimento inversor deste Goberno "que cumpre coa súa promesa de investir no rural e de facelo nas obras que máis reclaman os e as veciñas: o saneamento". Destaca Blas García que cando se remate este mandato o investimento realizado por este Goberno rondará os dous millóns de euros.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "El Concello de Ames invierte más de 300.00 euros en obras de saneamiento, abastecimiento y pluviales"
El Correo Gallego: "Inversión amiense en 13 obras de saneamiento y abastecimiento del rural"
Ames Go: "300.000€ EN SANEAMENTO, ABASTECEMENTO E PLUVIAIS"