[17-12-2016] O Concello de Ames vén de rematar obras de mellora nas escolas infantís municipais da Madalena, do Milladoiro, e do Bosque, de Bertamiráns, por valor de preto de 33.000 euros. Estas melloras realizáronse a través dunha subvención concedida pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O proxecto de investimento recolleu a mellora das infraestruturas e do equipamento das escolas infantís municipais, centrándose en acadar unha mellora das condicións térmicas e de eficiencia enerxética, así como actuacións destinadas á compra e novo equipamento tanto para o exterior como para o interior de ambos centros.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que "trátase dun investimento moi necesario, solicitado pola comunidade educativa das escolas infantís municipais. Atendeuse á mellora das infraestruturas e equipamentos escolares, mediante esta liña de subvencións que consideramos prioritaria".
Para a mellora da eficiencia enerxética e das condicións térmicas realizouse unha instalación de friso de madeira vernizado sobre rastreles e con manta de illamento, esquinais e rodapé, nas paredes de ambas escolas. Asemade, executouse unha instalación de ventilación cun recuperador de calor para sete aulas do Bosque. Nesta mesma escola elaboráronse e instaláronse novas cortinas. Por último, neste centro realizouse unha instalación de xogos no patio exterior (casiña multicolor, labirinto e casiña de gnomos). As actuacións feitas no Bosque tiveron un custo de 26.326,73 euros.
Na escola infantil da Madalena mellorouse o exterior facendo unha ampliación da instalación de rego automático na zona axardinada, con dotación de novas liñas de rego, aspersores, incluíndo apertura e peche de gabias, fresado e sementado de novo céspede. Como xa se mencionou anteriormente na EIM A Madalena tamén se realizaron traballo de mellora da eficiencia enerxética e das condicións térmicas realizouse cunha instalación de friso de madeira. Asemade, neste centro instalouse unha caseta no patio para almacenar xogos infantís e dotouse de novo mobiliario (armarios colgados en aula). Estes traballos tiveron un custo de 6.529,51 euros.
Para realizar estes traballos o Concello de Ames recibiu unha axuda da Consellería de Política Social por un importe de 32.856,24 euros. Desta contía, 19.999,69 euros dedicáronse a obras menores de adecuación nas escolas infantís municipais, mentres que o importe restante de 12.856,55 euros foron para a mellora do equipamento de ambos centros (compra de mobiliario interior e exterior, así como material didáctico e de xogo). Esta axuda está cofinanciada nun 80% (26.285 euros) polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Terminan las obras para mejorar las escuelas infantiles"