Pestanas principais

O Concello de Ames inviste máis de 100.000 euros para dotar de saneamento O Portanxil

Xoves, 14 de setembro de 2017

[14-09-2017] O Concello de Ames está executando obras no Portanxil, pertencente á parroquia de Trasmonte, para dotar de saneamento a este lugar da zona norte do concello. Trátase dunha importante obra que levaban anos reclamando os veciños e veciñas desta aldea. Estes traballos, que teñen un custo de máis de 100.000 euros, son sufragados a través do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.

O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegáronse ata o lugar de O Portanxil para ver o inicio das obras que permitirán dotar a esta aldea de saneamento. Esta obra, demandada desde hai tempo pola veciñanza da zona, dá continuidade ás obras de saneamento xa executadas na parroquia de Trasmonte e responde á intención do goberno municipal de apostar polo rural e traballar a prol de conseguir que todas as aldeas e lugares do concello conten con saneamento.

As obras inclúen a canalización de 2.352 metros de tubería PVC, dos que 2.100 serán de 250 milímetros. Nos restantes 252 metros as tuberías terán un diámetro de 160 milímetros. Faranse ademais 51 pozos de rexistro en calzada e 42 arquetas de saneamento, todo elo previa escavación de gabias e posterior recheo compactado das mesmas. Contémplase tamén no proxecto a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente, e partidas para entronque a rede e cruce de estrada con topo. As obras están sendo executadas pola empresa Excavaciones Midón SL.

O rexedor municipal destaca que “os veciños/as de Portanxil levan tempo demandando estas obras de saneamento. Deste xeito, dáse continuidade aos traballos que xa se fixeron na parroquia de Transmonte e ponse de manifesto que o goberno municipal segue apostando polo rural e por traballar a prol de conseguir que todas as aldeas do concello teñan saneamento”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "El alcantarillado llega por vez primera a O Portanxil"
Lindeiros: "Portanxil, en Ames, terá por fin saneamento"