Pestanas principais

O Concello de Ames investiu preto de 700.000 euros no ámbito deportivo durante 2020

Sábado, 16 de xaneiro de 2021

Cunha partida global de 672.141,51 euros, a Concellaría de Deportes desenvolveu numerosas actuacións para realizar melloras no ámbito deportivo dentro do termo municipal amesán durante o pasado ano. Os investimentos máis destacados foron a adquisición dunha xaula de lanzamentos na pista de atletismo de Ventín; o cambio de céspede e vestiarios no campo de fútbol e a ampliación da zona deportiva de Bertamiráns; a mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo do Milladoiro; a reforma da pista multideporte en Covas; ou varios investimentos no campo de fútbol do Milladoiro.

Cun investimento de máis de 300.000 euros, a renovación do céspede do campo de fútbol de Bertamiráns foi unha das actuacións máis destacadas no ámbito deportivo en 2020. Trátase de herba artificial de última xeración, que garante unha excelente función deportiva e técnica, e que se instalou sobre unha superficie regular e elástica previamente compactada. Ademais, ao redor do terreo de xogo instalouse un pavimento perimetral de cor azul para mellorar a zona de tránsito peonil.

Tamén se fixeron melloras na rede de drenaxe e a colocación de novas torres con novos puntos de luz led para gañar en eficiencia enerxética e aforro de enerxía. Asemade, cambiáronse todas as redes parabalóns que están ao redor do terreo de xogo; instaláronse novos banquillos coas cores do Bertamiráns FC; instaláronse 4 novas porterías de fútbol 8 e dúas novas porterías de fútbol 11; impermeabilizouse a grada existente xa que tiña goteiras e colocáronse 150 butacas nas gradas, tamén coas cores do Bertamiráns FC.

Ademais, en Bertamiráns, procedeuse á rehabilitación e mellora da área deportiva e mailo pavillón, coa construción de dous vestiarios no interior do mesmo. O acceso realízase desde o vestíbulo que une o exterior do pavillón, zona da piscina coa pista interior, de forma que poidan acceder os usuarios da piscina, do anexo do pavillón e do propio pavillón. Os vestiarios teñen unha zona de bancos e ao fondo unha zona de duchas colectivas.

Tamén se acondicionou o espazo que actualmente se utiliza como almacén dos socorristas. Ademais, mellorouse a área deportiva exterior que se atopa entre o pavillón e o campo de fútbol de Bertamiráns. En dita área eliminouse a pista de tenis que existía e creouse un espazo aberto para a execución dunha nova pista de pádel e unha pista de baloncesto exterior.

Proxectos para o 2021
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou o “grande esforzo que se fixo en investimentos nun ano moi complicado pola situación que estamos a vivir e seguimos traballando no que está por vir. Neste sentido, seguimos a traballar nese gran proxecto deportivo para O Milladoiro, co estudo de viabilidade do contrato de concesión de obra dun complexo deportivo con piscina climatizada e outros servizos complementarios. Ademais, tamén se asinou o contrato co arquitecto para a realización do anteproxecto de construción e explotación de dito complexo deportivo”.

“Este mesmo ano disporemos do estudo de viabilidade, anteproxecto e pregos de licitación necesarios, para buscar a fórmula de investimento e o financiamento para este complexo deportivo do Milladoiro. Ademais, abordarase a cubrición das pistas polideportivas deste núcleo, para o que xa está encargado o proxecto”, explicou Susana Señorís.

Por outra banda, tamén se van a levar a cabo a construción de novos vestiarios no campo de fútbol do Milladoiro, así como a reforma dos vestiarios no campo de fútbol de Bertamiráns.

Outras actuacións importantes no ámbito deportivo
Durante 2020 desenvolvéronse outras actuacións importantes para Ames no ámbito deportivo. Destacan, entre outras, a adquisición dunha xaula de lanzamentos na pista de atletismo de Ventín; a mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo do Milladoiro; a reforma da pista multideporte en Covas; ou varios investimentos no campo de fútbol de Milladoiro, como a reparación da sala de bombas de rego, ou a reparación de postes e rede parabalóns.

Os investimentos completáronse con diferentes actuacións de mantemento e mellora das piscinas descubertas de Bertamiráns e Milladoiro, así como coa reposición do proxector LED na pista deportiva de tenis e a instalación de catro novos proxectores das mesmas características na pista deportiva de pádel, ambas en Aldea Nova.

Área deportiva de Bertamirans