[20-04-2011] Nos últimos anos o goberno municipal estivo traballando para estender a rede de saneamento e abastecemento de auga potable por todos os lugares das parroquias amienses. Unhas das parroquias que se beneficiou destas obras foi A Ameixenda. Deste xeito dotouse deste servizo aos lugares de Quintáns, Montemaior, O Mercuto, Cortegada, A Folgueira, O Vilar e Ameixenda, todos eles pertencentes a devandita parroquia da Ameixenda. Estas obras foron incluídas en varias anualidades do Plan de Servizos e Obras da Deputación da Coruña (POS) e tiveron un custo de máis de 423.752 euros. Os traballos de saneamento completáronse coa construción, no lugar de Quintáns, dunha Estación Depuradora de Augas Residuais que tivo un custo de 142.000 euros.
Os lugares e parroquias situadas na zona norte do Concello de Ames carecían na súa maioría de redes de saneamento de augas residuais e de abastecemento de auga potable. Co fin de diminuír esas diferenzas en materia de saneamento, o goberno municipal veu incluíndo nos últimos anos nos plans de obras e servizos da Deputación da Coruña a construción de redes de saneamento en diferentes lugares e parroquias desta zona do termo municipal.
A Ameixenda é unha das parroquias nas que xa está rematada a instalación da rede de saneamento e de abastecemento de auga potable. Dende que remataron as obras houbo que agardar a que a empresa Espina e Delfín, empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento no Concello de Ames, realizase as pertinentes comprobacións para ver si as instalacións estaban preparadas para comezar a funcionar. Trala revisión, as redes de saneamento dos lugares de Quintáns, Montemaior, Cortegada, A Folgueira, O Vilar e Ameixenda xa entraron en funcionamento.
Non ocorreu o mesmo coa rede executada no lugar de O Mercuto, xa que se atoparon unha serie de deficiencias que impiden a utilización da rede de saneamento executada. Unha vez recibido o informe o Concello de Ames requiriulle á empresa adxudicataria das obras, que solventase esas deficiencias o antes posible para que poida comezar a funcionar a devandita rede.
As obras de saneamento e abastecemento realizadas na parroquia da Ameixenda comezaron no ano 2007, momento no que se executaron as obras das redes de saneamentos nos lugares de Ameixenda, Vilar, Folgueira, Quintáns e Cortegada, mentres que en Mercuto fixéronse en 2008. A empresa Excavaciones Pose foi a encargada de levar a cabo as obras da rede de sumidoiros nos lugares de Vilar, Ameixenda e A Folgueira, que foron incluídas no POS adicional de 2006 da Deputación Provincial. Aínda que o prezo de licitación se achegaba aos 150.000 euros, finalmente a obra tivo un custo de algo máis de 110.000 euros.
No lugar de Quintáns os traballos valorados en case 78.000 euros tamén serviron para achegarlle a todo o lugar a rede de sumidoiros. A rede de sumidoiros de Quintáns está conectada á de Ameixenda, Vilar e A Folgueira e ambas desembocan na depuradora experimental da Ameixenda.
A compañía OVIGA foi a adxudicataria das obras de saneamento no núcleo de Cortegada. Estas obras tiveron un custo de licitación de 194.000 euros. Debido á orografía do terreo foi precisa a instalación dunha estación de bombeo no núcleo de Cortegada. Ao remate das obras de saneamento levouse a cabo a reposición do pavimentado afectado pola execución das obras semellante ao existente.
No caso dos traballos en Mercuto dotouse á veciñanza dun servizo de sumidoiros. As obras consistiron na construción do colector xeral e na realización das conexións particulares ás vivendas. A empresa adxudicataria das obras instalou máis de dous quilómetros e medio de tubaria de PVC de saneamento. Ademais executou unha rede de recollida de pluviais, para o que se realizou a canalización de 840 metros de tubaria. As acometidas domiciliarias realizáronse a través dun tubo de 160 mm. de diámetro coas correspondentes arquetas.
As obras realizadas no lugar de Montemaior custaron arredor de 41.752 euros, e consistiron na canalización de 942 metros de tubaria de PVC dos que 900 metros tiñan 250 mm. de diámetro e os restantes 160 mm. de grosor. Ademais houbo que realizar os correspondentes pozos de rexistro. Para instalar as tubarias foi preciso facer unha escavación previa. Despois procedeuse ao recheo compactado da mesma. Finalmente realizouse a reposición do pavimento afectado pola execución dos traballos, semellante ao que existía previamente, así como partidas para a conexión á rede existente.
Estación Depuradora de Augas Residuais
As obras de saneamento e abastecemento executadas na parroquia da Ameixenda completáronse coa construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais que tivo un custo de 142.000 euros. Esta obra realizouna a empresa Espina y Delfín SL. Compre recordar que o Concello de Ames adquiriu uns terreos no 2006 para construír esta depuradora, que se executou nun antigo pasteiro de algo máis de 1.800 metros cadrados, situado no lugar de Quintáns. Esta infraestrutura, financiada pola Deputación da Coruña, ten capacidade para darlle servizo a núcleos de ata 600 habitantes. A Administración local investiu 18.000 euros na compra deste terreo. A rede de saneamento e abastecemento que se instalou en todos os lugares da parroquia da Ameixenda está conectada a esta estación depuradora que xa está funcionando dende hai un ano.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames dota de alcantarillado a toda la zona de Ameixenda"
La Voz de Galicia: "El saneamiento de Ameixenda representó una inversión de 500.000 euros"




