[15-12-2018] Ao longo de 2018 o Concello executou diferentes proxectos de saneamento, abastecemento e pluviais no rural de Ames. Investíronse 358.704 euros na execución de obras nas parroquias de Ortoño, Ameixenda, Agrón, Bugallido, Biduído, Covas e Trasmonte con cargo ao canon correctivo da empresa adxudicataria do Ciclo Integral da Auga (Espina y Delfín), achegas de fondos provincias e de fondos propios municipais. A maioría destas obras estaban recollidas no acordo asinado coa Federación de Asociacións do Rural, polo que se investiron 150.000 euros (correspondentes ao 2017) para sufragar ditos proxectos. Nos lugares de Castrigo, Guimaráns e Quistiláns estanse executando proxectos por valor de 222.054 euros, procedentes de fondos provinciais. Asemade, vén de aprobarse o expediente de licitación do saneamento no núcleo de Susavila de Carballo por valor de 92.889,93 euros. A contía das obras executadas e que se están executando é de 580.758 euros.
Neste ano 2018, o Concello de Ames executou un conxunto de traballos de saneamento, abastecemento e pluviais nas diferentes parroquias do rural. Destes, a maioría realizáronse co canon correctivo da empresa adxudicataria, con fondos provinciais e fondos propios municipais, investindo un total de 358.704 euros. Estas obras forman parte do acordo asinado o pasado ano coa Federación de Asociacións do Rural, segundo o que se ían a investir 150.000 euros en proxectos de saneamento, pluviais e abastecemento.
Así, estes traballos incluíron a construción da canalización de pluviais e dunha senda en Lapido, na parroquia de Ortoño, por un montante de 35.293,54 euros; así como as obras de saneamento en Sura, na Ameixenda, por un total de 26.185,37 euros. A conexión do saneamento na Ponte Maceira, en Agrón, tamén foi incluída nesta partida, cun custe de 17.802,04 euros.
A execución das acometidas eléctricas dos bombeos (EBAR) das Novais e de A Garea, ambas en Agrón, supuxeron respectivamente un investimento de 23.000 euros e de 6.000 euros. Neste caso, as obras eran de especial relevancia, xa que estes saneamentos levaban xa varios anos construídos, mais sen poder entrar a funcionar por non estar contemplada no proxecto a acometida eléctrica. Con esta obra, finalmente pódense pór en servizo.
As obras completáronse cos traballos que se realizaron en Maguxe, Ortoño, por 26.505,81 euros. En Outeiro, Bugallido, tamén se executaron obras de ampliación da rede de saneamento, por valor de 13.921,16 euros, e maila canalización da fonte de Ventín, en Biduído, por 10.000 euros.
Ademais, dotouse de saneamento ao lugar de Ventosa, na parroquia de Covas, por un importe de 40.420 euros, e ao lugar de Portanxil, na parroquia de Trasmonte, que tivo un custo de máis de 100.000 euros. Estas dúas obras foron feitas con fondos provinciais.
Obras de mantemento correctivo
As obras de mantemento correctivo son aquelas que xa están realizadas, pero precisan dun arranxo ou mellora. Deste xeito, en Tarrío, investíronse 59.576,51 euros na mellora da rede de abastecemento, a cal sufriu varias avarías nos último anos. Para poder solucionalos houbo que realizar varios cortes de auga. Estas contías non son aboadas polo Concello, senón que forman parte do contrato asinado coa concesionaria, mediante o cal esta debe asumir unha cantidade anual en mantementos correctivos.
Proxectos feitos con fondos provinciais
Por outra banda, hai que destacar que na actualidade están en execución as obras de saneamento en Castrigo, pertencente á parroquia de Ortoño, así como en catro vivendas do lugar do Casaliño, que estaban pendentes de dispor deste servizo, e ás instalacións do campo municipal de fútbol de Bertamiráns. Este proxecto foi adxudicado por un importe de 181.494,85 euros. Tamén se está executando as obras de ampliación do abastecemento de auga nos lugares de Guimaráns e Quistiláns, pertencentes á parroquia de Bugallido. Esta obras teñen un orzamento de 40.559,96 euros.
Saneamento en Susavila de Carballo
Asemade, vén de aprobarse o expediente de licitación do saneamento no núcleo de Susavila de Carballo, pertencente á parroquia de Trasmonte. Este proxecto, que ten un orzamento de licitación de 92.889,93 euros, está incluído dentro do Plan complementario do Pan único de Concellos POS+ 2018. Continuando coa rede de saneamento municipal, este proxecto contempla a canalización de 1.590 metros de tubería de PVC de 250 milímetros de diámetro e maila execución de 36 pozos de rexistro en calzada para o saneamento, previa escavación dunha zanxa e o posterior recheo compactado da mesma. Finalmente contémplase a reposición do pavimento afectado pola execución das obras.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Sociais destaca o investimento que está facendo este goberno nesta materia. "Cumprimos coa promesa de investir no rural e de facelo nas obras que máis reclaman os e as veciñas: o saneamento". Ademais, Blas García destaca que cando se remate este mandato o investimento realizado por este Goberno superará os 2 millóns de euros.
Proxectos para 2019
De cara ao vindeiro ano está previsto a execución de varios proxectos: rede de saneamento e bombeo en Castelo, na parroquia de Ames, por 20.130 euros; ampliación da rede de saneamento de Quintáns, na parroquia de Ames, que ten un custo de 23.941,21 euros; e maila ampliación da rede de saneamento no lugar de Outeiro, Ames, por 18.682,19 euros.
Ademais, de cara ao vindeiro ano realizarase unha obra de mantemento correctivo na EDAR de Sisalde co obxectivo de executar un pozo de grosos orientado a mellorar o rendemento da liña de pretratamento da citada EDAR. Trátase dun problema ocasionado pola súa saturación, que vén derivado do proxecto inicial, e que foi necesario solucionar debido ao incumprimento da Xunta de Galicia de ampliación da citada depuradora. Esta obra na EDAR de Sisalde, en Ortoño, ascende a 80.725,68 euros.




